A UPG homenaxea a Reboiras apelando á “necesidade imperiosa de decidir sobre o noso”

A UPG homenaxea a Reboiras apelando á “necesidade imperiosa de decidir sobre o noso”
Acto da UPG en Ferrol
Acto da UPG en Ferrol  

A Unión do Povo Galego conmemorou un ano máis en Ferrol a figura do seu militante Moncho Reboiras, asasinado o 12 de agosto de 1975 a mans da policía española. No acto político, o secretario xeral da organización, Néstor Rego, advertiu da necesidade da auto-organización do pobo galego por ser “o que máis combate e o que máis teme o noso inimigo”.


Dotar o pobo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o Estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos negaban e continúan a negar. Esta foi unha das principais loitas polas que militantes da UPG, entre eles o propio Reboiras, foron sometidos a unha persecución encarnizada.

A UPG lembrou esta sexta feira en Ferrol a principal reivindicación do dirixente asasinado en 1975 e da militancia do partido naquela época, “unha Galiza soberana e socialista”, unha demanda plenamente vixente e para a que é necesario, afirma a formación, a auto-organización do pobo galego.

Na súa intervención no acto político que tivo lugar en Ferrol, Néstor Rego, secretario xeral da UPG, puxo de manifesto a importancia do nacionalismo, que “acertou cando rexeitou o modelo autonómico por valoralo como inadecuado para dar solución aos principais problemas do País, moito menos ás nosas aspiracións como nación”.

Rego: "Ninguén máis que o nacionalismo coloca no debate electoral a soberanía como horizonte estratéxico, a necesidade imperiosa de podermos decidir sobre o noso"

Rego afirmou que “o sistema autonómico maniféstase como absolutamente esgotado e inútil fronte á evidencia de que as decisións que máis nos afectan son adoptadas en Madrid e Bruxelas e o goberno galego limítase a aplicalas de maneira submisa”. Engadiu que “ninguén máis que o nacionalismo coloca no debate electoral a soberanía como horizonte estratéxico, a necesidade imperiosa de podermos decidir sobre o noso. Ao contrario, faise evidente a coincidencia de todas as forzas na defensa do marco autonómico e da Constitución española”.

Na mesma liña, o secretario xeral da UPG insistiu en que “esta coincidencia na defensa dos piares básicos do actual réxime político non vai sequera acompañada de propostas tácticas que busquen, no mínimo, forzar as costuras do sistema. Ao final, todo fica en retórica baleira”. En referencia ao BNG, Néstor Rego sinalou que “nós integramos unha forza política que é capaz a un tempo de manter a perspectiva no horizonte estratéxico sen descoidar nunca a atención aos problemas cotiáns nin ás propostas para resolvelos”.

Propostas tácticas

Rego apuntou que “como o proxecto nacionalista de que nós participamos nunca foi ideoloxista, presenta propostas tácticas, perfectamente veríficábeis, que, se se executasen, representarían unha mudanza importante e abrirían novas vías para o futuro”.  Citou, a continuación, “tres cuestións esenciais para podermos avanzar en consciencia e en organización”. A primeira: “non somos un País subsidiado que vivamos da caridade dun Estado protector, senón que vivimos do noso propio traballo e esforzo”. A segunda: “moi ao contrario, somo un País espoliado, ao que España rouba o froito do seu traballo, os seus aforros, os seus recursos e os seus dereitos colectivos”. E a terceira: “somos un País con enormes potencialidades que só precisan das condicións adecuadas para seren desenvolvidas, condicións que parte da capacidade soberana do pobo galego de decidir sobre si propio”.

Rego salienta as alternativas do BNG para "construír unha nova Galiza más xusta e próspera"

O secretario xeral da UPG salientou que “ninguén máis que o BNG está a colocar no debate propostas e iniciativas que rompan co marco actual e que permitan transformar positivamente o noso País”. Lembrou medidas como a dun novo sistema de financiamento baseado no concerto económico, o dun marco galego de relacións laborais ou a redución progresiva das subvencións ao ensino concertado para reforzar o ensino público. Asegurou que “hai moitas outras alternativas que se sustentan na capacidade de decidir sobre o noso para construír unha nova Galiza más xusta e próspera”.

Como cada ano, antes do acto político, no que tamén tomaron a palabra Manuel Polo e Antía Insua, tivo lugar a interpretación da Internacional e a tradicional ofrenda floral a Moncho Reboiras na rúa Terra, onde foi abatido pola policía española. Na xornada da mañá, a UPG fixo outra ofrenda floral no cemiterio de Imo (Dodro), e organizou un xantar popular en San Sadurniño no que non faltou a mesa de debate "A mudanza real que a Galiza precisa".