SUSO BERMELLO, MEMBRO DA COORDINADORA DE IPU

“Vai haber 144 mesas en todo o país para as primarias e é a primeira vez que se fai algo así”

“Vai haber 144 mesas en todo o país para as primarias e é a primeira vez que se fai algo así”
Suso Bermello
Suso Bermello  

Suso Bermello, membro da Coordinadora de Iniciativa pola Unión, debúllanos os pasos que seguiu IpU para facer das primarias unha realidade.


Que lectura fai do proceso de eleccións primarias abertas no seo de Iniciativa pola Unión?

Hai que partir dunha realidade que non se pode deixar a un lado: hai un inxente traballo, diría que descomunal, de moitas persoas que se implicaron neste proceso. Trátase de microachegas, desde a persoa que cede o seu bar ou o seu local social, o da asociación veciñal… a quen imprime as papeletas, pon os bolígrafos e mesmo as urnas para que mañá se poida votar en 144 mesas. Toda esta intendencia non está organizada xerarquicamente nin responde a unha directriz de cúpulas. Responde a un traballo colaborativo e desinteresado sen o cal sería imposíbel organizarmos as primarias.

Cambiarían algo?

De todo hai que aprender, se puidésemos comezar de novo melloraríamos moito, empezando polo propio formulario online. Pero os alicerces están botados e hai máis cousas positivas que atrancos. O feito de que case 6.000 persoas se inscribiran e de que haxa a día de hoxe estean confirmados os censos é moi satisfactorio. Apenas houbo incidencias nos censos. Como dicía, vai haber 144 mesas no conxunto do país e é a primeira vez que se fai algo así. É un exemplo de cómo en moi pouco tempo pode facerse algo relativamente tan ben organizado. Agora chamamos a que esta alta participación se traslade ás urnas. É certo que o feito de que a competitividade polas cabeceiras de listas se circunscriban á Coruña pode facer retraerse á xente que se apuntou no censo para votar, mais facemos unha chamada para que o deste domingo sexa un día da festa da democracia participativa directa. Cando se di que algo o fai o pobo, ten que ser o pobo quen o faga. Creo que nestas últimas semanas se evidenciou quen acreditou nun modelo participativo e plural e quen non. Unha cousa é predicar e outra, dar trigo.

"Se de algo adoeceu todo este proceso foi ter que apuralo excesivamente. Tivemos que demoralo para tender todas as pontes posíbeis"

Cales foron as principais trabas coas que se atoparon?

A premura… o escaso tempo. Se de algo adoeceu todo este proceso foi ter que apuralo excesivamente. Tivemos que demoralo para tender todas as pontes posíbeis. O feito de ter a man tendida fixo que non apurásemos o noso propio proceso. Se todo o mareo ao que nos foron sometendo non fose tal e se puxesen as cartas enriba da mesa desde o inicio, dicíndonos que non estaban por ningún tipo de confluencia, teríamos feito un proceso aínda máis participativo, de modo que teríamos chegado a máis xente con máis calma. Fixemos unha extensión territorial que non chegou a todas as partes ás que tiña que chegar e a difusión non foi toda a que podería ser ao estarmos coa man tendida de maneira permanente. Todo isto non o digo como valoración negativa. As cousas foron como tiñan que ser, non podía ser doutra maneira. Se contásemos con tres semanas máis de prazo, sería mellor.

Como se vai desenvolver a xornada do domingo?

Ás 11h abrirán todos os locais de votación e fecharán ás 15h. Temos feita a distribución de recollida de datos a nivel provincial e prevemos contar cos resultados a media tarde. Tamén temos previstas as distintas incidencias que poidan darse. Como exemplo, contamos cun plan de reacomodo de votantes no caso de que en algunha localidade non puidese abrir a mesa por causas de forza maior.

Sentímonos engañados con quen dixo falar en nome de non sei que cidadanía e só obedeceu directrices das cúpulas que desde o principio manexaron os fíos

Que balance fai destes meses na Coordinadora de Iniciativa pola Unión?

Foi un traballo intensísimo, mais tanto entre as persoas que estiveron desde o principio na Coordinadora como as que nos incorporamos a finais de setembro hai certo sentimento de desilusión, combinado coa serenidade e o benestar que che dá o traballo feito e o futuro que queda por diante logo dun proceso tan aberto e participativo. Fomos moi claros no noso interese de conseguir unha confluencia global por unha candidatura galega, sen tutelas españolas e con total sobernía para representar o noso país nas Cortes neste momento político excepcional e sentímonos engañados con quen dixo falar en nome de non sei que cidadanía e só obedeceu directrices das cúpulas que desde o principio manexaron os fíos. Con todo, a camaradería e a intensidade do traballo deixan un sabor doce e positivo, e profundamente ilusionante.

Desde hai moito tempo había unha clara intención de montar unha candidatura que estiver nucleada e controlada desde as cúpulas, basicamente, de Podemos e Anova, con Esquerda Unida de complemento

Din que se sentiron enganados e enganadas. Por que?

Si. Totalmente. Desde hai moito tempo había unha clara intención de montar unha candidatura que estiver nucleada e controlada desde as cúpulas, basicamente, de Podemos e Anova, con Esquerda Unida de complemento. Nunca houbo unha intención real de confluír con todo o que estaba ao redor de Iniciativa pola Unión. Desde a outra parte din outras cousas, mais eu vexo a evidencia nas reunións que se mantiveron e na instrumentalización que se fixo do colectivo do Encontro cidadán por unha Marea Galega, que desde o meu punto de vista foi penoso. Aí colocáronse unhas persoas que, ben por directrices, ben por intención propia, querían dinamitar calquera tipo de achegamento.