DENUNCIA DE EN MAREA

A Valedora acusada de nepotismo esixe unha suba de salario

A Valedora acusada de nepotismo esixe unha suba de salario
A Valedora do Pobo Milagros Otero (dereita) co presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices durante unha comparecencia da primeira na Cámara. Foto: cedida.
A Valedora do Pobo Milagros Otero (dereita) co presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices durante unha comparecencia da primeira na Cámara. Foto: cedida.  

Non só non dimitiu cando o Tribunal Supremo anulou o seu nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PP e quedou de manifesto o carácter nepotista da súa conduta. A Valedora do Pobo, Milagros Otero, vén de remitir un escrito á Mesa do Parlamento en que reclama un aumento do seu salario.


Otero pide que o seu soldo se axuste á evolución do PIB en 2018 e aumente un 0,25%. Denúnciao a deputada de En Marea Carmen Santos, que se confesa “perplexa e avergoñada”. “Tendo en contra a súa controvertida xestión”, di Santos, “que reclame aínda máis diñeiro público, cando cobrou case 100.000 euros polas súas funcións...”. A parlamentaria concreta: 74.800 euros de salario, 11.000 en gastos de libre disposición e outros 11.000 en gastos de representación.

A Valedora do Pobo anunciou en abril que puña o seu cargo a disposición do Parlamento despois de que o Supremo rexeitase o seu recurso no caso da irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Hórreo. Este partido mantívoa contra as peticións de dimisión por parte das forzas de oposición e contra toda promesa de rexeneración e rexeitamento da corrupción.

Carmen Santos lembra ademais que en xaneiro Otero xa gozou do aumento de salario derivado do Real Decreto Lei 24/2018 do 21 de decembro do pasado ano polo que as retribucións do sector público crecían.  E acusa ademais a Otero de deixación de funcións cun exemplo: “Esta semana xuntámonos co colectivo ViGalicia [de persoas con diversidade funcional] e din que malia remitir multitude de escritos á Valeduría, estes nunca se materializan en demandas á Xunta por parte da institución que está para defender o pobo”.