DEBATE DOS ORZAMENTOS 2020

Valeriano Martínez prevé crear 9.000 empregos e situar a taxa de paro por baixo de 10%

Valeriano Martínez prevé crear 9.000 empregos e situar a taxa de paro por baixo de 10%
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda.
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda.  

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martinez, debuxa no debate dos orzamentos da Xunta para 2020 un cadro macroeconómico "prudente" no que prevé reducir o desemprego por baixo de 10% e crear 9.000 postos de traballo máis até chegar "aos 99.000 empregos en catro anos" no marco da estratexia deseñada ao comezo da lexislatura. "Se queren un modelo de éxito, a resposta é Galiza”, sostivo Martínez.


Valeriano Martínez presentou as contas da Xunta de Galiza para o ano que vén como unha ferramenta para transmitir “seguridade á cidadanía, ás familias e ás empresas” fronte ao contexto estatal “de inestabilidade e bloqueo político”.

“Galiza é un sitio distinto”, arrancou Martínez, sinalando que é posíbel “manter uns servizos públicos cada vez de máis calidade” ao tempo que se promoven “rebaixas fiscais que dinamizan a economía”. O conselleiro colocou neste punto novas iniciativas públicas de “política de familia”: a matrícula de balde para o segundo fillo, ampliar até o terceiro ano a tarxeta benvida anunciada por Alberto Núñez Feixoo no debate do estado da nación, e aumentar o número de casas-niño no rural.

O cadro macro que prevé o Goberno Feixoo para o 2020 contempla un crecemento do PIB do 2%, unha recuperación das exportacións do 3%, unha taxa de desemprego que caerá a finais dese ano por baixo do 10% coa creación de 9.000 postos de traballo. “Un escenario prudente”, segundo o cualificou Martínez.

No capítulo de ingresos, o conselleiro ofreceu a cifra de 11.882 millóns de euros e lamentou que o Goberno central apenas teña transferido 10% (60 millóns) dos 700 que debe dos ingresos a conta. Martínez dixo que o comportamento das diferentes taxas foi positivo en 2019, que os ingresos por IRPF aumentaron “pola mellora do emprego” e que a medra do IVE “foi máis modesta, por certa atonía no consumo”.

O gasto previsto para 2020, apuntou o responsábel de Facenda, será de 10.149 millóns de euros, 3% máis a respecto do deste ano, “mais a capacidade real de gasto será aínda maior, ao redor dun 4,5% máis”.  

Medidas estrela e prioridades

A continuación, o conselleiro explicou as medidas estrela que se inclúen nos orzamentos. Continuará a rebaixa fiscal iniciada en 2016 e que conta con “gran aceptación social”. Un paso máis no imposto de sucesións, o incremento de 400.000 até 1 millón de euros do límite exento. “Na práctica, a supresión” desa taxa, segundo subliñou Martínez. Tamén continuará a “estratexia de impostos cero no rural”, engadiu, con deducións á compra de vivenda en “zonas pouco poboadas”. Máis de 400.000 persoas se teñen beneficiado desta estratexia, indicou o conselleiro, e apunto que “Galiza ten a menor tributación de España nas áreas rurais”.

No que ten a ver coas prioridades de gasto, Martínez sinalou catro: o gasto público, as políticas de emprego, o I+D+i e o Xacobeo 2021. “Tres de cada catro euros de gasto non financeiro irán a sanidade, educación e políticas sociais”, dixo. Total: 7.400 millóns. Para emprego, a partida é de 275 millóns de euros. En políticas de I+D+i, Martínez subliñou o incremento do 79% nestes catro anos. O Xacobeo suporá en 2020 un gasto de 82 millóns de euros.
 
Con estes datos sobre a mesa, Valeriano Martínez presumiu de modelo. “O noso modelo baséase en menos déficit, menos débeda e menos impostos. Se queren un modelo de éxito, a resposta é Galiza”.

E rematou falando de equilibrio territorial. Os últimos orzamentos da lexislatura, previos ás eleccións galegas de 2020, destinarán máis de 4.000 euros por habitante nas circunscricións de Lugo e Ourense, e algo máis de 3.200 nas de Pontevedra e A Coruña. “O gasto medio por habitante en Lugo e Ourense sobre 4,4% e nas provincias atlánticas, 3,2%”, explicou Martínez.