ELIXIRÁ NOVA DIRECCIÓN

O BNG convoca Asemblea Nacional para o 28F e Vence dá a entender que non optará á reelección

O BNG convoca Asemblea Nacional para o 28F e Vence dá a entender que non optará á reelección

O Consello Nacional do BNG fixou data para a Asemblea Nacional do BNG: terá lugar o 28 de febreiro. Tamén aprobou o regulamento para un conclave ao que, presumibelmente, non concorrerá como aspirante á reelección o actual portavoz nacional, Xavier Vence.


O Consello Nacional do BNG, cuxa reunión se prolongou alén das 15.15h, aprobou o calendario e mais o regulamento para Asemblea Nacional. Finalmente, terá lugar o 28 de febreiro, “nun momento decisivo para o nacionalismo, no que a militancia debaterá absolutamente de todo, sobre estratexia, organización, reformulacións necesarias…”, sinalou o portavoz nacional, Xavier Vence, en declaracións aos medios.

Vence: "Debe saír unha dirección nova para sacar adiante as resolucións da asemblea nacional, unha dirección nova en todos os sentidos e en todos os niveis"

O dirixente nacionalista afirmou que a Asemblea Nacional tamén elixirá “nova equipa de dirección”. Preguntado polos medios sobre se volverá concorrer como portavoz nacional, deu a entender que non repetirá. Así, puxo de manifesto que do conclave “debe saír unha dirección nova para sacar adiante as resolucións da asemblea nacional, unha dirección nova en todos os sentidos e en todos os niveis”.

As posíbeis alianzas electorais serán un dos principais puntos a tratar na Asemblea Nacional do 28F, “é un debate importante, mais non é o único”. “O crucial é definir unha estratexia política que nos permita chegar á sociedade como unha alternativa útil, tamén de cara ás eleccións, para transformar o país, derrotar o PP, dar solucións aos problemas e reforzar o autogoberno”, expuxo Vence, quen recoñeceu que o “panorama electoral complexo” será “elemento de debate na asemblea”.

Vence: "O nacionalismo “debe ser unha pata fundamental e tentar sumar cos que podan compartir un programa nacional de transformación e para derrotar o PP"

O portavoz nacionalista afirmou que, á espera do que acorde a Asemblea Nacional e coa vontade de ir ao maior consenso posíbel, é partidario de “abrir diálogo con diferentes forzas políticas para sumar e conseguir darlle a volta ao panorama político en Galiza”. Insistiu na necesidade de “consolidar unhas políticas diferentes para a maioría social e defender o autogoberno”. Para iso, advertiu de que o nacionalismo “debe ser unha pata fundamental e tentar sumar cos que podan compartir un programa nacional de transformación e para derrotar o PP”.

Proceso de reflexión

Vence lembrou que o BNG leva semanas encarando un proceso de reflexión tanto a nivel de Dirección como de militancia e de simpatizantes nas diferentes asembleas abertas que están a ter lugar ao longo do país. Destas reunións, que terán continuidade até o momento da Asemblea Nacional, o dirixente nacionalista salientou “a participación moi ampla”.

Nas asembleas abertas, o Bloque analiza “como encarar a situación do nacionalismo e ver que alternativas políticas, incluídas as electorais, corresponde adoptar”. “Non é un debate pechado, hai diferentes alternativas e propostas de como reforzar o proxecto nacionalista de cara a futuro”.

A comisión redactora do relatorio reúnese a segunda feira

A comisión redactora do relatorio político que se votará na Asemblea Nacional reunirase, por vez primeira, esta segunda feira

Pola outra banda, a comisión redactora do relatorio político que se votará na Asemblea Nacional reunirase, por vez primeira, esta segunda feira, 18 de xaneiro. Segundo o acordado, poderán formar parte da comisión redactora do relatorio político -a folla de rota que o BNG se marca entre asembleas nacionais- todas aquelas persoas do Consello Nacional que o desexen.

Todo apunta a que o proceso da Asemblea Nacional do 28F será moi participativo. Neste sentido, Sermos Galiza puido saber que van poder participar no conclave, amais das persoas militantes, as non militantes, que poderán achegar as súas propostas, iniciativas e suxestións a respecto de como se debe conformar no futuro a organización. Estas persoas militantes poderán participar con voz, mais sen voto.