O vicepresidente da Xunta contradí agora o seu partido e pide a transferencia da AP-9

O vicepresidente da Xunta contradí agora o seu partido e pide a transferencia da AP-9
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela.
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela.  

O PP galego posúe moitas opinións distintas a respecto da AP-9. Esta cuarta feira, ao vicepresidente da Xunta tocoulle expresar unha que vai en contra do programa do seu partido e mais das últimas declaracións de Feixoo. Alfonso Rueda criticou, antes dun acto electoral en Moaña, “que se negue a transferencia” da infraestrutura a Galiza.
 


Ao tempo, lembrou que Euskadi obtivo “dun xeito rápido e doado” o traspaso da AP-68. Esqueceu que a Xunta non solicitou a constitución dunha comisión mixta de transferencias. E que o seu presidente no Goberno galego daba a razón, a semana pasada, ao xiro centralista do PP de Pablo Casado e consideraba innecesario asumir máis competencias.

“Agora que vemos que é tan doado para algúns conseguir a transferencia”, afirmou Rueda en Moaña, “amósase ademais a inxustiza que se quere facer con Galiza negándonos a nós unha transferencia que por moitísimas razóns xa tiña que estar feita e hai argumentos de sobra para facela”.

Durante os gobernos de Mariano Raxoi, o grupo do PP no Congreso rexeitou en varias ocasións debater o asunto, malia o mandato unánime do Parlamento de Galiza. Só cambiou de posición despois da moción de censura que levou Pedro Sánchez á Moncloa. A lei de transferencia da autoestrada que une Ferrol e Tui atópase en tramitación nas Cortes estatais desde o pasado decembro.

Os Executivos de Feixoo, con Rueda como segundo, non pediron nin obtiveron unha soa transferencia de competencias en dez anos.