INDUSTRIA

Villares defende unha banca pública para dar futuro ao naval

Villares defende unha banca pública para dar futuro ao naval
Moreira, Villares e Malvido en Vulcano
Moreira, Villares e Malvido en Vulcano  

Desde En  Marea propoñen unha modificación da Lei Concursal e impulsar unha banca pública para asegurar a viabilidade do sector naval galego.


Nunha reunión co comité da empresa Vulcano en Vigo, Luís Villares defendeu unha reforma da Lei Concursal e impulsar unha banca pública a través do ICO co obxectivo de garantir a viabilidade do sector naval galego.

Ambas medidas foron anunciadas polo portavoz de En Marea nun encontro celebrado en con traballadoras e traballadores de Vulcano e das empresas auxiliares, no que tamén participou a candidata ao Congreso desta formación por Pontevedra, Iris Malvido e o tamén candidato Manuel González Moreira.

Villares reafirmou o seu convencemento en que o sector precisa de reformas estruturais encamiñadas a asegurar a viabilidade do naval na cidade de Vigo.

O voceiro de En Marea apuntou coma prioritario poder “converter a débeda en accións para asegurar a continuidade empresarial”

A reforma proposta da Lei Concursal por En Marea debe achegar garantías de cobro “para evitar que máis empresas do naval pechen as súas portas” afirmou Villares, e sinalou que foron as quitas de débeda en anteriores concursos as que levaron á ruína a moitas auxiliares “as cales están neste momento empregando á maior parte de traballadoras e traballadores”, engadiu. Neste sentido, o voceiro de En Marea apuntou coma prioritario poder “converter a débeda en accións para asegurar a continuidade empresarial”.

Banca pública

Luís Villares salientou desde Vigo a necesidade de apostar pola creación dunha banca pública que sexa quen de apoiar o financiamento “de todos os proxectos de investimento do naval”. Afirmou ademais que as auxiliares e os estaleiros están a lamentar unha falta de compromiso que provoca unha carencia de solvencia que está levando á deslocalización empresarial cara a territorios de Portugal e doutros países, “xa que non se ve solvencia para poder finalizar a construción aquí”, esgrimiu.

"As auxiliares e os estaleiros están a lamentar unha falta de compromiso que provoca unha carencia de solvencia", sinalou Villares

Desde En Marea explicaron que esta banca pública sería a través do ICO e con capacidade de financiar estes proxectos e que ademais podería servir como aval e garantía dos contratos comprometidos.

O naval como piar da economía

A candidata Iris Malvido salientou o naval como piar fundamental da economía de Vigo e da súa área e apuntou a necesidade de “combinar este sector estratéxico cun proceso de modernización e especialización duns traballadores xa cualificados”.

Nesa liña, Malvido enunciou o compromiso programático de En Marea polo I+D+I e reclamou ás administracións que se impliquen nos consellos de administración das empresas “para exercer un labor de fiscalización”.

A formación galega tamén demanda ao Estado que condone a débeda de todos os portos galegos, igual que xa fixo co de Valencia. “Unha situación que neste momento afecta especialmente ao da Coruña”, salientaron.

Villares lamenta a involución no emprego

Sobre os datos da última EPA que se veñen de publicar, Luís Villares lamentou a “moi desfavorábel evolución do emprego" e avogou por derrogar as reformas laborais e máis por que as administracións tomen unha posición activa na busca de emprego. Nesa liña, denunciou que non se está a apostar pola renovación de sectores clave como a automoción. “O futuro está no coche híbrido, e non hai un plan para iso e En Marea si que o ten”, afirmou. Ademais, comprometeuse a traballar para que Vigo sexa a capital europea da construción naval e civil.