A DIRECCIÓN DO PARTIDO CONSITÚESE SEN OS DERROTADOS NO PROCESO INTERNO

Villares esixe “respecto e responsabilidade” aos críticos

Villares esixe “respecto e responsabilidade” aos críticos
O Consello de En Marea do 29 de decembro de 2018. Foto: En Marea
O Consello de En Marea do 29 de decembro de 2018. Foto: En Marea  

A dirección de En Marea, que se organiza no Consello, quedou constituída este sábado. Pero fíxoo sen a participación do sector crítico. É dicir, 14 dos 35 postos do órgano ficaron baleiros. O portavoz Luís Villares esixiu “responsabilidade” e “respecto” ao bando derrotado no tortuoso proceso de eleccións internas.
 


A nova dirección de En Marea tamén anunciou unha nova auditoría dos resultados, toda vez que a candidatura crítica -Entre Todas, encabezada por David Bruzos- afirmou este mesmo 29 de decembro que non os recoñecerá sen antes haber unha confirmación “independente dos mesmos”. “Imos facer unha auditoría que, se ben non é precisa”, expuxo Ana Seijas, viceportavoz de En Marea, “quixemos facela para cumprir o noso compromiso de ofrecer sempre as máximas garantías e a máxima transparencia ao proceso”. O Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galiza encargarase da mesma.

O propio Villares referiuse ás ausencias dos críticos na constitución do Consello das Mareas e mais do comité de garantías -tamén baixo control villarista. Segundo o tamén portavoz parlamentario de En Marea, “agora xa non hai dúas candidaturas, senón unha única dirección co rumbo de disputarlle a hexemonía política ao PP en 2020”. A nota difundida polo partido instrumental di que Luís Villares “tendeu de novo a man ás persoas elixidas polas inscritas e que decidiron non ásistir á reunión desta mañá”.

“Fago un chamamento colectivo a pechar filas, á responsabilidade, ao respecto ás decisións das persoas inscritas e a deixar de falar de nós mesmos”, dixo. Só unha horas antes, Entre Todas -que agrupa membros de Anova, Esquerda Unida, Podemos, Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Ferrol en Común- expresara nun comunicada as súas dúbidas pola limpeza das eleccións que deron a vitoria a Villares nunha proporción do 60% contra o 40%.

Esquerda Unida xa se descolgara a sexta feira da constitución do Consello das Mareas ao considerar as actuacións da dirección afín a Villares de “ilexítimas” e denunciar “a ausencia de garantías xurídicas e democráticas”.

A fenda que afasta os dous bloques do espazo de confluencia das esquerdas non parece en vías de se suturar. Máis ben ao contrario. As acusacións do sector crítico contra o oficialismo -que reúne militantes da escisión de Anova Cerna, un parte minoritaria de Anova e algunhas mareas municipais- son cada vez de calibre máis groso. A suspensión unilateral das votacións por parte da dirección de En Marea o pasado 30 de novembro desatou unha escalada de recriminacións que non fixeron máis que aguzar a crise que axita as augas do partido instrumental practicamente desde que Villares asumiu a portavocía.

O portavoz intentou este sábado, unha vez constituído o Consello das Mareas, desviar os focos da conflitividade interna. “Agora temos que ver como podemos organizar mellor o traballo e acadar os obxectivos de fortalecer o proxecto, sumar os mellores resultados nas eleccións de 2019 e do 2020, relanzar as mareas sectoriais e seguir traballando desde o municipalismo para constituír unha alternativa en todo o país que permita solucionar os problemas da cidadanía”.

Mais o sector crítico acababa de cualificar de “farsa cargada de malas prácticas e de comportamentos nada democráticos que van en contra dos principios fundacionais de En Marea” o sucedido até hoxe.



x