REACCIÓNS APÓS AS MANIFESTACIÓNS DO DOMINGO

Villares demanda a demisión de Feixoo e Pontón pídelle que escoite menos a extrema dereita

Villares demanda a demisión de Feixoo e Pontón pídelle que escoite menos a extrema dereita
Un momento da manifestación deste domingo en Compostela [Imaxe: Galiza Contrainfo]
Un momento da manifestación deste domingo en Compostela [Imaxe: Galiza Contrainfo]  

Como cabía agardar, a oposición cargou esta segunda feira contra o presidente da Xunta por alterar a súa axenda institucional para compartir coa ultradereita a manifestación contra o Goberno Sánchez, xusto no momento en que miles de persoas protestaban en Compostela contra a política de privatización e deterioración da sanidade pública despregada desde San Caetano.


Foi Luís Villares, o líder de En Marea, quen puxo o listón crítico máis alto ao demandar directamente a demisión do titular da Xunta. "Se Feixoo non quere exercer como presidente da Xunta, que dimita inmediatamente", dixo o portavoz orgánico e parlamentar da confluencia.

"Quen non está onde debe estar o que debe facer é demitir", engadiu Villares, quen atribuíu a Feixoo o abandono das súas responsabilidades ao ter alterado a súa axenda presidencial —adiantou o seu retorno dos EUA, onde estaba de viaxe oficial— co único propósito de asistir a un acto partidario. Durante a fin de semana foi máis notorio que nunca, alegou o portavoz de En Marea, o rol de Feixoo "como subordinado de alguén que non o escolleu, como obediente home de partido de Pablo Casado".

Por súa parte, Ana Pontón pediulle ao presidente da Xunta que "escoite menos" a extrema dereita e, en troca, "escoite máis os galegos e as galegas". A líder nacionalista botou man do rexistro irónico para se perguntar se "despois de salvar España a ritmo de pasodobre tivo tempo para se ocupar dos problemas da Galiza".

Se Villares pide a demisión de Feixoo, Pontón opta por lle demandar ao xefe do executivo galego que cese o conselleiro de Sanidade, após a multitudinaria manifestación deste domingo, "para demostrar que está por unha mudanza real de política sanitaria e porque alguén debe asumir responsabilidades pola desfeita".

A focaxe crítica de Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, vai máis pola liña de reputar anti-autonomismo a Feixóo por ter aderido unha manifestación de exaltación do centralismo con pingas tamén de discurso anti-Unión Europea. 

Caballero censurou tamén o presidente da Xunta por lle pór "paus nas rodas" ao que cualificou de "políticas de convivencia e diálogo que intenta impulsar o goberno do Estado".



x