Villares pide a Gómez-Reino e Iglesias que non caian na “irresponsabilidade” de “romper” En Marea

Villares pide a Gómez-Reino e Iglesias que non caian na “irresponsabilidade” de “romper” En Marea

Defende a lexitimidade dos resultados das primarias e sitúa as críticas do secretario xeral de Podemos Galiza ao “enfado” por perder esas votacións.


Luis Villares defendeu a lexitimidade da vitoria da candidatura que lideraba, Coidando a Casa, nas primarias do pasado 22 e 23 de decembro e atribúe as críticas e denuncias dos mesmos feitas desde Podemos ao “enfado” do seu secretario xeral, Gómez-Reino. Nunha entrevista en ‘Bos Días’ (TVG), o portavoz de En Marea foi preguntado con insistencia sobre a auditoría encargada por Podemos e que fala de "graves deficiencias" que permitían a "calquera usuario" do sistema acceder a "datos persoais" do resto de persoas inscritas.

Para Villares, quen “cuestione” a lexitimidade do resultado das primarias debe “achegar probas” e, dixo, a auditoría encargada por Podemos non fai tal: “Di que non houbo irregularidades”.

Que Podemos Galiza non recoñeza os resultados é debido, considera, a un Gómez-Reino “enfadado” porque non puido “gañar En Marea para Podemos” e non puido así “cumprir o encargo que lle fai Pablo Iglesias”. Villares insiste en que “a xente falou claro”, lembrando os 20 puntos de diferenza entre ambas as dúas candidaturas, e considera que as bases de Podemos, de Esquerda Unida e de Anova “contribuíron eficazmente á vitoria” da candidatura de Coidando a casa. Por iso, aponta, as críticas contra o resultado non poden entenderse como procedentes das bases dese partido senón algo limitado á “cúpula de Podemos”.

“Sería unha irresponsabilidade que Gómez-Reino ou Pablo Iglesias tentasen romper o espazo que é En Marea”, advertiu Villares a respecto dos movementos que indicarían unha aposta en Podemos Galiza. cara á constituír un novo referente político.