Villares propón declarar zona catastrófica os lugares afectados pola vaga de lumes 

Villares propón declarar zona catastrófica os lugares afectados pola vaga de lumes 
Acto electotal de Luís Villares no Carballiño (Imaxe: En Marea)
Acto electotal de Luís Villares no Carballiño (Imaxe: En Marea)  

O cabeza de lista de En Marea para o 25S critica o anuncio de Feijóo de crear un parque acuático en Ourense o mesmo día que ardían centos de hectáreas na provincia.


En Marea encetou campaña este sábado no Carballiño para “evidenciar as desfeitas” do actual goberno do PP na provincia de Ourense. O candidato da formación á presidencia da Xunta, Luís Villares, anunciou que a súa formación declarará zona catastrófica os lugares afectados pola recente vaga de lumes, para acelerar desa forma a entrega de axudas e indemnizacións as persoas afectadas. 

Villares apostou durante a súa intervención no municipio ourensán por reforzar as políticas de prevención nos meses de inverno, dentro dunha nova política forestal, onde se reunirán co persoal dos equipos de extinción para escoitar as súas demandas. A formación propuxo a creación dun servizo estable contra os lumes “profesionalizado e eficaz” que asuma esta tarefa ao longo de todo o ano. 

Outras das propostas lanzadas foi a creación dun ente público ferroviario galego, polo que en Marea reclamará o traspaso das competencias en materia ferroviaria. Nese sentido, anunciou que promoverán un tren de proximidade, mellorando as conexións e fomentando “unha mobilidade máis sustentable e eficiente co medio ".

Villares reclamou o traspaso das competencias ferroviarias e crear un ente público galego

O candidato á presidencia de En Marea estivo acompañado polo portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, a quen eloxiou como referente político durante o seu primeiro mitin electoral. Beiras declarou que estes comicios son “un combate ético e moral” fronte a un Feijóo “indecente e desalmado”, segundo nota de prensa do partido. "Armamos En Marea, desde a honestidade e o compromiso, para escorrentar do goberno á mafia do PP", declarou.

No acto participaron tamén Ánxeles Cuña, cabeza de lista por Ourense, que denunciou a perda de profesorado nas escolas rurais “con pagos de material e libros inasumibles para moitas familias, cun recorte do 55% en cultura”, e David Rodríguez, número dous da formación pola provincia, que criticou os “ataques sistémicos" do PP contra o agro, a gandería e o patrimonio do país. “Catro anos máis non nos deixarían na UVI senón na morgue directamente”, sentenciou.