Villares responsabiliza Pablo Iglesias das desavinzas no grupo parlamentar de En Marea

Villares responsabiliza Pablo Iglesias das desavinzas no grupo parlamentar de En Marea
Pablo Iglesias e Luis Villares nun mitin na Coruña
Imaxe: @Pablo_iglesias_
Pablo Iglesias e Luis Villares nun mitin na Coruña Imaxe: @Pablo_iglesias_  

“Están empeñados en destruír este grupo parlamentar, a convivencia e a confluencia”, afirma o portavoz.


Luis Villares lamenta a desavinza no grupo parlamentar en relación á designación de Mariló Candedo como senadora autonómica e responsabiliza a dirección española de Podemos, “con Pablo Iglesias á fronte”, dos desencontros producidos no seo do grupo. “Están empeñados en destruír este grupo parlamentar, a convivencia e a confluencia. Mais En Marea como proxecto político non é propiedade de Pablo Iglesias. É un proxecto que nace plural e que quere seguir sendo plural", manifestou Villares.

Villares defendeu que a escolla de Candedo axustouse ás normas internas da organización e reiterou a súa chamada a que todas as representantes da formación respecten o compromiso adquirido cos estatutos de En Marea.  

Luís Villares afirmou que a situación que se vive hoxe en día no seo do grupo parlamentar hai que entendela desde a perspectiva de que “hai dous anos en Vistalegre II Pablo Iglesias decidiu rachar coas confluencias para construír un partido único a nivel de todo estado. Unha idea á que En Marea se opón".