AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... MARÍA REIMÓNDEZ

“A visión da identidade europea como algo superior é a base dos problemas internos e externos de Europa”

“A visión da identidade europea como algo superior é a base dos problemas internos e externos de Europa”
María Reimóndez
María Reimóndez  

A escritora María Reimóndez considera que a base dos problemas que padece o continente radica “en como nos vemos e interactuamos as unhas coas outras” desde unha identitade rancia europea. Chama ademais a votar nas eleccións do 26M para que Galiza teña voz propia nesa UE de estados centralizados que tanto nos prexudica.


Que se xoga Galiza nas eleccións europeas?

Xogámonos todo, porque a maioría das políticas que nos afectan parten de Bruxelas. Como a UE é unha estrutura de esencia pouco democrática, é importante empregarmos todas aquelas ferramentas que poidamos para tentar que sexa unha Unión Europea da cidadanía e non das empresas e dos poderes económicos.

É fundamental participarmos e ter voz como nación

Polas cuestións relativas ao medio, ao respecto dos dereitos lingüísticos, á organización dos recursos e o traballo, é fundamental participarmos e ter voz como nación. A posición de Galiza dentro de Europa permite estabelecer moitas alianzas, como amosa o traballo da eurodeputada Ana Miranda. Sen a nosa voz no parlamento habería moitas cousas que non se terían tratado e posto enriba da mesa.

Por iso considero importante votar nas eleccións europeas, sobre todo ante o auxe da extrema dereita.

Que balance fai destes anos de Galiza na UE?

Como todo ten as súas cousas positivas e negativas. Por exemplo en cuestión como a pesca e os sectores produtivos primarios a UE está centrada nunha visión empresarial que prexudica a Galiza. Hai que ter en conta que a UE é dos estados, e dado que a situación de Galiza dentro do Estado español xa non é boa, é moi importante que contemos con voz propia no Parlamento Europeo como pobo independente dos intereses do Estado español porque este xoga sempre en contra nosa.

Considero importante votar nas eleccións europeas, sobre todo ante o auxe da extrema dereita

Temos a parte positiva da UE que é a que debemos rescatar como os intercambios culturais e a defensa dos dereitos por riba dos estados. Europa é un lugar ao que podemos recorrer cando o Estado nos agravia.

Que emerxencias sociais ten Europa?

Hai un problema grave que ten que ver coa definición do que é ser europeas e europeos desde unha óptica de superioridade cara ao resto do mundo. Esa Europa que cremos como berce das liberdades e dereitos é unha falacia colonial para seguir explotando a outros países.

Esa Europa que cremos como berce das liberdades e dereitos é unha falacia colonial para seguir explotando a outros países

Agora ten unha repercusión engadida coa xenofobia cara a persoas que chegan aquí a consecuencias das nosas políticas militares e económicas. Mentres non poñamos en dúbida esa visión da identidade europea como unha identidade superior imos seguir tendo moitos problemas a nivel interno e externo, pois a base de todos os problemas que temos radica en como nos vemos as unhas ás outras e en como interactuamos desde esa identidade rancia europea, con alta superioridade cara á outras.