VOTO EXTERIOR

Vivir onde “a papeleta nunca chega”

Vivir onde “a papeleta nunca chega”
Rubén Portas vive en Namibia e nas tres últimas convocatorias electorais a súa documentación nunca chegou a tempo. Púxose en contacto co BNG, que solicitou á Xunta Electoral Central medidas para garantir o dereito o sufraxio. Mais a aprobación do voto rogado e a dependencia dos servizos de correos doutros estados fan insuficientes as súas accións.

Rubén Portas é biólogo e, desde hai oito anos, reside fóra da Galiza. Actualmente vive en Namibia, traballando nun instituto alemán e estudando a poboación de guepardo no país. “Decidín emigrar pola escaseza de emprego e pola falta de financiamento e, sobre todo, interese por parte da Administración galega e estatal en temas de conservación do medio ambiente e da natureza”, conta a Sermos Galiza.

Desde que fixo de Namibia o seu fogar e lugar de traballo Portas non pode exercer o voto. “A papeleta nunca chega. Son as terceiras eleccións que paso aquí e non puiden votar. Fun varias veces á embaixada, ao consulado e ninguén fai nada, é bastante frustrante”, denuncia. Ao redor de 200 persoas do Estado residen en Namibia, das cales a maioría son galegas, traballadoras na industria da pesca. “Estamos no século XIX, non pode ser, hai que estudar métodos alternativos”, di Portas.

Hai que estudar métodos alternativos, reclama Portas

O embaixador do Estado español en Namibia, Antonio Javier Romera, explica a Sermos Galiza que o sistema de correos propio no estado africano, sumado á introdución do “voto rogado” tras a aprobación da Lei Xeral de Réxime Electoral en 2011, practicamente imposibilita exercer o dereito ao voto. “Hai un sistema de ‘apartados de correos’ que implica un contrato e o pago dunha anualidade, e a distribución dos apartados do correo e paquetes chegados do estranxeiro é moi lenta. A título persoal podo sinalar que cheguei a recibir felicitacións de Nadal enviadas desde España cara mediados de xullo”, indica Romera.

“É coñecido en Namibia a práctica imposibilidade de exercer o voto”, indica o embaixador

“É coñecido en Namibia por parte dos españois residentes a práctica imposibilidade material de exercer o seu voto nas diferentes convocatorias electorais, mais non consta queixa formal algunha de cidadáns españois residentes no estranxeiro por non poder exercer o seu dereito ao voto”, salienta o embaixador.

Dereitos que dependen de servizos postais

A plataforma “Marea Granate”, que agrupa a poboación de todo estado no exterior, ten alertado xa das dificultades que supón o voto rogado. Pola súa banda, Portas contactou con Luís Bará, deputado do BNG, nos seus intentos de alertar da situación das galegas no exterior. O partido solicitou o 17 de outubro por escrito á Xunta Electoral Central (XEC) medidas “a fin de garantir o dereito de sufraxio por parte de todas e todos os residentes que están fóra do Estado español e que manifestasen a súa intención de votar a través da solicitude do voto rogado”.

Á súa vez, a Xunta Electoral Central remitiu esta petición ao Ministerio de Exterior e á Oficina do Censo Electoral. Ambas sinalaron que a responsabilidade última de facer chegar a documentación electoral é de Correos, que tamén foi cuestionada pola XEC. Na súa resposta, á que Sermos Galiza tivo acceso, o Ministerio recoñece a problemática, “somos conscientes de que o sistema de voto rogado para quen residen no exterior xera algunhas distorsións á hora de exercer o dereito de sufraxio, pola dificultade de realizar un gran número de trámites nun calendario reducido e pola dependencia dos servizos de correos locais”.

“Somos conscientes de que o sistema de voto rogado xera algunhas distorsións”, informa o Ministerio do Exterior

Pola súa banda, desde Correos explicaron que toman medidas para tratar de asegurar que chegue a documentación electoral, como dirixirse mediante carta aos servizos postais dos 31 países nos que se concentra o “95”% do electorado estatal. A entidade sinala que ten chegado a empregar os servizos da distribuidora internacional FEDEX en aqueles estados nos que percibe dificultades “críticas” para facer chegar os envíos. Nos comicios de abril fíxoo con Sudáfrica e Suacilandia, e en maio con Honduras, Irán, Afganistán e Rusia. Con todo, a entidade admite que sempre existen “condicionantes” que poden limitar o éxito destas medidas, como os "prazos axustados", ou "o diferente nivel de resposta dos operadores postais de destino".