Seis voces sobre o ronsel da Asemblea Nacionalista de Lugo

Seis voces sobre o ronsel da Asemblea Nacionalista de Lugo
Cadro de declamación da Irmandade da Fala da Coruña. Atópanse presentes, entre outros, Manuel Lemus, Fernando Osorio, Víctor Casas, Leandro Carré, Fernando Blanco Sellarés,  Leandriño Carré “Fausto Brand”, Luísa Castelo, Carme Melendrez, Xosé López, Pilar Lemus, Alfredo Somoza.
Cadro de declamación da Irmandade da Fala da Coruña. Atópanse presentes, entre outros, Manuel Lemus, Fernando Osorio, Víctor Casas, Leandro Carré, Fernando Blanco Sellarés, Leandriño Carré “Fausto Brand”, Luísa Castelo, Carme Melendrez, Xosé López, Pilar Lemus, Alfredo Somoza.  

Cen anos despois, a Asemblea Nacionalista de Lugo que decorreu entre o 17 e o 18 de novembro, ponse de actualidade. Con motivo do centenario, consultamos a estudosas e estudosos que implicacións tivo na Galiza de 1918 e anos posteriores e como é posíbel manter o legado que as persoas participantes do encontro deixaron plasmado no Manifesto de Lugo.


maria xose bravoMARÍA XOSÉ BRAVO, portavoz de Vía Galega

“Hoxe o nacionalismo segue a manter ese empeño polo libre dereito a decidir”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

A I Asemblea nacionalista supón o nacemento do nacionalismo consciente e organizado: “Nós nomeámonos de oxe pra sempre nazonalistas galegos”. Era a vangarda social e cultural que se abría camiño. De feito, o primeiro punto do seu manifesto, logo das cuestións constituíntes, é a igualdade de dereitos para a muller, e isto é no ano 1918.

Falan de acabar coas deputacións ou da necesidade dunha facenda propia… ocúpanse de todo canto problema existía a nivel galego e achegan solucións. É, por tanto, un programa de goberno.

É un grupo pequeno máis que se sabe cheo de forza e de razón: “Nisto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma”.

Como pode manterse vivo ese legado?

Hoxe o nacionalismo segue a manter ese empeño en favor do libre dereito a decidir, resistíndose lexitimamente a desaparecer nun mundo globalizado ao servizo dos poderosos. Cómpre insistir, resistir, persistir, para non sucumbir, para non desaparecer. E para iso nace Vía Galega, para denunciar que este marco autonómico que padecemos é como un corsé que nos empuxa á precariedade, á pobreza e á emigración. No que, como se fósemos menores de idade, se decide moi lonxe de aquí o que “nos convén”. Precisamos soberanía, poder decidir nós sobre o noso para sacar partido ás nosas potencialidades en beneficio da maioría.

Somos unha nación e queremos exercer como tal. Con toda plenitude. Sen límites. Unha nación de Europa, similar a moitas outras en extensión, poboación, e nivel de benestar. Como tal nación de Europa, ou de calquera outra parte do mundo, temos dereito a planificar o noso propio futuro.

BASTOS 2MIGUEL ANXO BASTOS BOUBETA, profesor da USC

“O primeiro reto é o de incrementar a consciencia de que Galiza pode gobernarse a si propia”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

A Asemblea de Lugo foi un momento central da construción de Galiza como suxeito político na forma en que se estaban a constituír naquela época, isto é, asumindo os principios das nacionalidades. Galiza fora suxeito político noutras épocas pero asumindo outras formas, como o reino. A fin da guerra mundial, a descomposición dos vellos imperios europeos, de acordo co principio das nacionalidades, e o Levantamento de Pascua en Irlanda foron fitos que levaron un grupo de intelectuais a tentar que Galiza adoptase a forma política que comezaba a desenvolverse naquel momento para as entón consideradas nacións sen Estado. Non o conseguiron totalmente, pero si que iniciaron un proceso de toma de conciencia política por parte de moitos galegos. Despois viría a creación de forzas políticas propias.

Como pode manterse vivo ese legado?

A situación hoxe é distinta. Se ben se están a perder moitos trazos do que se considera a nacionalidade como a lingua ou o hábitat tradicional, tamén é certo que a consciencia de Galiza como entidade política é moi superior hoxe a daqueles tempos. O primeiro reto sería o de incrementar a consciencia de que Galiza pode ser capaz de gobernarse a si propia, algo que se está a conseguir coa autonomía, aínda que pareza que non. O segundo, ter previsto, como fixeron os da Asemblea de Lugo, a evolución política do noso entorno cara á fragmentación política e ser capaces de dar unha resposta a este novo entorno. A soberanía hoxe é distinta que en 1918, mesmo para os Estados constituídos. Ter pensado un discurso para esa realidade debe ser a forma de manter ese espírito.

uxio breoganUXÍO BREOGÁN DIÉGUEZ CEQUIEL, historiador e profesor da UDC

“Tórnase central socializar o relevo das análises que os cadros das Irmandades nos legaron”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

A Asemblea Nacionalista de 1918 abriu un novo tempo para o país, amosando a madurez (na análise e na acción) do galeguismo político das Irmandades da Fala. A Asemblea evidenciou a capacidade política e intelectual das e dos irmandiños, así como a capacidade de construír bases para un país soberano. No seu propio tempo viviuse como un feito transcendente, reunindo os máis relevantes intelectuais da Galiza da altura comprometidos co país, sumando a adhesión de sesenta e sete sociedades agrarias, cinco ‘centros culturais’, así como cinco federacións agrarias...

O manifesto que deriva daquela cimeira é a folla de rota para o nacionalismo galego na primeira metade do século XX. Rexe ao longo de toda a vida das Irmandades, mais tamén alumea o nacemento e axir do Partido Galeguista e, mesmo, na súa matriz está presente no propio exilio, até ben entrada a década dos corenta.

Como pode manterse vivo ese legado?

Na liña do exposto, sendo conscientes do seu significado histórico-político. Pondo en valor o avanzado pensamento das Irmandades, en materia de xénero ou en materia social.

Acho que se torna central, neste sentido, socializar o relevo e alcance das análises e diagnose sobre a Galiza que os cadros das Irmandades da Fala nos legaron, por escrito, co manifesto de 1918; así como a vixencia dos seus obxectivos estratéxicos para o noso país.

20180113_145834_Vilamea (3)MARÍA ANTONIA PÉREZ RODRÍGUEZ, profesora da UDC

“Abordouse con pragmatismo a problemática social do momento, que en boa medida segue a existir”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

O paso do rexionalismo a un nacionalismo proactivo e de carácter loitador. En Lugo formuláronse, con criterios sinérxicos, os focos da acción económica, cultural e política que en boa medida marcaron as actuacións reivindicativas que discontínua, pero perseverantemente, se levaron a cabo na Galiza desde 1918. Os Irmandiños nesta asemblea abordaron con pragmatismo, baixo a perspectiva do seu tempo e baixo premisas realistas, a problemática social do momento, problemática que en boa medida segue a existir. Así, apostaron en intervencións que levasen a cambios transformadores do sistema político-económico, co fin de que este fose xestionado polas propias galegas e galegos, por reformas que comportasen que o noso pobo acadase o poder para lucrarse das súas riquezas, en definitiva, para que posuísemos un goberno de noso.

Como pode manterse vivo ese legado?

Coñecéndoo e sendo conscientes da nosa identidade como pobo e potencialidade como nación con Estado. Defendendo con todos os medios os nosos recursos da depredación do actual colonialismo. Loitando polo estabelecemento de políticas que teñan en conta a necesidade da explotación dos recursos primarios e dunha industria de transformación con sustentabilidade no tempo e no espazo, de políticas que formen a nosa xuventude cunha educación que non deturpe a nosa historia e non minusvalorice a nosa lingua e a nosa cultura, e de acordo ás esixencias que requiren os avances mais contemporáneos.

CARME PEREZ SAN JULIANCARME FERNÁNDEZ-PÉREZ SAN JULIÁN, profesora da UDC

“Cen anos despois, traballamos aínda para conseguir a igualdade real”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

Un paso definitivo no proceso de construción da Galiza como suxeito político real. A afirmación de Galiza como nación supón un salto cualitativo no proceso de ideación nacionalitaria que se viña desenvolvendo entre unha parte das elites intelectuais galegas implicadas no proceso de reivindicación da nosa identidade.

Como pode manterse vivo ese legado?

Continuando co proxecto e traballando no mesmo sentido. Por exemplo, seguir traballando para conseguir o nivel de autogoberno que se defendía no programa, un outro modelo produtivo para Galiza que implique a defensa das clases traballadoras e a non emigración e, por suposto, a reivindicación dunha maior presenza pública da nosa lingua e da nosa cultura. E, dado que o primeiro dos principios políticos da Asemblea de Lugo era a proclamación da igualdade de dereitos para as mulleres, cen anos despois, traballamos aínda para conseguir a igualdade real e, ao tempo, a supresión de todas as formas de discriminación contra as mulleres.

Moncho do Orzán,MONCHO DO ORZÁN, estudoso da música galega

 “Para alén das cuestións nacionais, o Manifesto dedicou un interesante capítulo aos aspectos artísticos”

Que supuxo para Galiza a Asemblea Nacionalista de Lugo?

O Manifesto de Lugo foi un rebento da Nai Terra, unha eclosión dese río de pensamento e acción que habita en nós, como pobo construído de xeito natural, e que se rebela contra os asoballamentos infrinxidos polos poderes dominantes. Mais este peto na mesa non é só emocional, senón que aporta unha fonda análise e conclusións “pra conocimento e meditazón do pobo galego”. Para alén das cuestións nacionais, económicas ou lingüísticas, o Manifesto dedicou un interesante capítulo aos aspectos artísticos, condensado nun episteme clave: soberanía estética. Sinala o dereito de existencia, uso e determinación dunhas formas e expresións propias en todas as materias da arte.

Como pode manterse vivo ese legado?

O Manifesto está moi vivo en si propio. As máis das afirmacións ideolóxicas alí expresadas continúan aínda sen se cumprir, ou mesmo agravadas, e outras atinxidas só na epiderme. O texto xa adiantou algunhas das chaves do que hoxe se coñece como interseccionalidade: expresou a multiplicidade de opresións que sofría e segue a sofrer Galiza como suxeito colonizado e formulou vías de resolución para cada cuestión. Propoño que o Manifesto sexa o documento base co que nos dotar como pobo consciente para iniciar un xiro decolonial autóctono. Como corolario, animo tamén a participar nalgunhas das institucións que aínda temos no país nadas daquela vontade, nomeadamente os coros galegos.

[Esta información foi publicada no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]