Por volta de 4.000 persoas mozas menores de 35 anos demandan vivenda pública na Galiza

Por volta de 4.000 persoas mozas menores de 35 anos demandan vivenda pública na Galiza
Olalla Rodil
Olalla Rodil  
Os dados ofreceunos esta terza feira no Pazo do Hórreo Olalla Rodil. A parlamentar do BNG denunciou que a Xunta demorou un ano en resolver a convocatoria de axudas ao aluguer para menores de 35 anos, cando o prazo máximo para a realización do proceso era de 5 meses. Algunhas persoas demandantes fican sen subsidio embora cumpriren con todos os requisitos. A razón? A falta de orzamento suficiente.

O orzamento destinado polo goberno galego para esta convocatoria era "absolutamente insuficiente" e "apenas chegaba para cubrir un terzo das solicitudes", criticou Olalla Rodil, quen cualificou de "tomadura de pelo" a tardanza da Xunta á hora de axilizar todo o procedimento administrativo. Peor do que iso, con todo, é que persoas que cumprían todos os requisitos van ficar sen axudas por falta de fondos, subliñou a deputada nacionalista.

4.000 persoas mozas menores de 35 anos solicitaban estas axudas. O total de persoas de todas as idades inscritas en demanda de vivenda pública é de 14.000. Desde 2014 a Xunta non promove nen unha soa morada en réxime de aluguer, denunciou a parlamentar.

O resultado de "políticas tan ineficaces" por parte do Goberno galego son os baixos índices de emancipación xuvenil que presenta o noso país. De feito, Galiza é a terceira comunidade autónoma con menor número de persoas mozas entre 25 e 29 anos que poden acceder a unha vivenda propia, en réxime de aluguer ou de compra.

O BNG, anunciou Olalla Rodil, rexistará nas próximas semanas no Parlamento iniciativas para a Xunta garantir unha oferta de vivenda pública suficiente en réxime de aluguer.