10-N

Votan as principais candidatas realizando chamamentos á participación

Votan as principais candidatas realizando chamamentos á participación
Votacións do 10-N nun colexio electoal de Vigo (Pablo González)
Votacións do 10-N nun colexio electoal de Vigo (Pablo González)  

Até os colexios electorais acudiron as e os líderes políticos e candidatos para exercer o dereito ao voto e animaron a poboación a participar nas urnas.


Ao longo da mañá as e os principais líderes e candidatos das formacións políticas achegáronse aos colexios electorais para votar e animar a cidadanía a exercer o dereito ao voto.

Pontón e Rego chaman a votar para construír Galiza con futuro

Ana Pontón e RegoA máis madrugadora foi a portavoz nacional do BNG. Ana Pontón acudiu a votar ao Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, desde onde animou a participar nas urnas insistindo en «que ninguén quede na casa porque hoxe é o día de decidir que é o mellor para construír unha Galiza con futuro para os galegos e as galegas». 

«A Galiza ten que pór as súas posicións sobre a mesa e hai que facelo hoxe para non arrepentirse despois», afirmou Pontón

A líder nacionalista animou a votar «con convicción, ilusión é alegría coa cabeza e co corazón na Galiza pensando tamén en todas as mulleres que loitaron porque hoxe teñamos o dereito de exercer o voto, a ser cidadás libres e iguais».

Pontón admitiu que hai moita xente cabreada pola repetición electoral, mais asegurou que o día de hoxe «é un día para votar, con cabreo ou sen cabreo, porque nos xogamos moito e a Galiza ten que pór as súas posicións sobre a mesa e hai que facelo hoxe para non arrepentirse despois».

Ana Pontón acompañou o candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, quen insistiu en que ninguén quede na casa e pediu votar «en liberdade e con confianza, pensando no mellor para o futuro da Galiza».

Caballero: «Cada voto pode ser decisivo»

caballeroEn Vigo votou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen desexou  unha «alta mobilización porque cada voto pode ser decisivo».

Así manifestou Caballero e lembrou que «o voto é un dereito e cando hai eleccións hai que ir votar».

Esperan no PSdeG unha alta participación do electorado, «cremos que é o momento de acudir ás urnas para votar en liberdade, que cada cidadán pense no país que quere e no que non quere e vote pensando no futuro do noso país e dos intereses da cidadanía», pediu Caballero.

Ademais, incidiu en que «o exercicio do voto é un dereito e tamén unha responsabilidade para ter unha democracia plena, próspera e consolidada».

Nesee sentido, considerou que «cantos máis cidadáns participen, máis pleno será o resultado, máis colectiva será a decisión", polo que apelou a que "cada cidadán vote en liberdade pola opción que queira".

«É moi importante que as clases populares defendan os seus dereitos», sinalou Díaz

yolanda díazXa votou a candidata por En Común - Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, e fíxoo no seu colexio electoral de Ferrol. Após depositar o voto quixo lembrar que a importancia de que «hoxe as clases populares exerzan o seu dereito democrático e defendan os seus dereitos».

Pola súa banda, o candidato pola Coruña e secretario xeral galego de Podemos, Antón Gómez-Reino, apelou a votar en defensa dos dereitos e liberdades e a encher as urnas para que a extrema dereita non teña oco.

Feixoo espera que haxa un «Goberno que goberne»

feixooO últimos dos líderes políticos en votar foi Alberto Núéz Feixoo. Fíxoo ao mediodía nun colexio do centro de Vigo. O presidente da Xunta espera que haxa «desbloqueo político» e que das eleccións deste domingo saia «un Goberno que goberne».

Após votar Feixoo apelou a ter un Goberno que «faga fronte aos datos negativos, pesimistas, sobre a situación económica que vivimos e que viviremos nos próximos anos», porque «se volvemos caer no bloqueo político, estaremos ante unha situación perigosa que ninguén desexa», afirmou.

Ciudadanos chama a votar para «desbloquear»

csO secretario de Organización de Ciudadanos na Galiza, Laureano Bermejo, animou con motivo das eleccións xerais a «exercer un voto valente e audaz¯ que esixa aos políticos actuar en consecuencia».

Asegurou que este domingo é un día moi importante «porque ás veces as e os cidadáns esquecen o inmenso poder que temos cando depositamos un papel dentro dunha urna», e animou a votar para «desbloquear España».

Encher as urnas «de votos de cambio», pide Bescansa

A cabeza de lista de Máis País pola Coruña, Carolina Bescansa, fixo un chamamento ás galegas e galegos para que participen nas eleccións e «enchan as urnas de votos de cambio, comprometidos coa formación dun Goberno», e afirmou que non se pode agardar a ter terceiras eleccións ou novos bloqueos.

«Este país non se pode permitir repetir que a negociación do Goberno de España se faga como unha negociación entre adolescentes», sinalou.

Por ese motivo, Bescansa animou «a votar a pesar do enfado e da tentación de quedarse na casa».