GORETTI SANMARTÍN, DIRECTORA DE CAMPAÑA DE BNG-NÓS CANDIDATURA GALEGA

"O voto ao BNG nas eleccións xerais é dúas veces útil"

"O voto ao BNG nas eleccións xerais é dúas veces útil"
Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín  Foto: X.M.

Directora de campaña do BNG-Nós Candidatura Galega nas xerais, Goretti Sanmartín fala para o Sermos198 nunha entrevista a dupla páxina da que oferecemos aquí un avanzo.


E sen adiantarnos ningún formato concreto, para non facer ningún spoiler e arruinar o efecto surpresa, a campaña vai ser unha réplica do 20D ou vai haber algunha novidade?

Non, a campaña vai ser novidosa, unha campaña distinta. Imos intentar conxugar ese elemento mediático de facer cuestións que nos permitan estar nuns meios que sempre nos poñen moitos problemas, mais ao mesmo tempo queremos facer unha campaña aínda moito máis de rúa, aínda moito máis de proximidade, moito máis de saír ao exterior, moito máis que nos vexan e de falar con todas as persoas para facelas sabedoras desa cuestión para nós principal, que é a importancia do nacionalismo, a súa utilidade, a necesidade de trasladar unha idea que para nós é central, que o nacionalismo ten que conseguir que os referentes políticos que ten este país sexan referentes galegos, e nese sentido nós imos facer que participen todas aquelas persoas vinculadas ao BNG que son referentes públicos, e conseguir que teñan unha presenza moitísimo máis forte na campaña, e que a xente poida, pois, facer algo que da nosa perspectiva é complicado nestes momentos, polos poderes mediáticos, e pola centralización do Estado e da comunicación que vivemos, e é facer que a campaña teña que ver e que resida nos intereses das galegas e dos galegos, que Galiza sexa o centro.

Miniatura entrevista Goretti SanmartínNon temedes que haxa sectores que razoen que, dado que Nós non tivo representación o 20D, non sexa útil votar BNG o 26X. Non temedes que certa inercia do chamado voto útil leve apoios tradicionais do BNG a outras forzas?

Nós pensamos que o que ficou demostrado xustamente nestes últimos meses é que a inutilidade foron outras cousas, non? O BNG sempre demostrou a capacidade de diálogo, de chegar a acordos, vontade de crear proxectos para transformar este país, e, portanto, o voto ao BNG é desde a nosa perspectiva dúas veces útil, é útil para transformar  o Estado, é útil para transformar en dirección de políticas de esquerdas, e ao mesmo tempo é útil para ter voz propia, para sermos capaces de ser referentes. Entón nese sentido nós cremos que hai moita xente desencantada e desenganada do que foi o proceso até o de agora [reférese á mini-lexislatura abortada ao non se conseguir ningunha investidura]. A utilidade do BNG vese nos sitios onde gobernamos, en ser capaces de dialogar, de consensuar, de chegar a acordos. Ese é un valor que está no noso ADN e o que temos que facer nós é transmitilo. Pensamos que nestes momentos é máis fácil de ver para a inmensa maioría da poboación que o Bloque é unha forza útil para o país.

A íntegra da entrevista, a dupla páxina, tela ao teu dispor no Sermos198, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.