Vox encalla na Galiza

Vox encalla na Galiza
[Imaxe: SG] Bandeiras de España
[Imaxe: SG] Bandeiras de España  

Un duro discurso contra a inmigración nun país emigrante e onde apenas hai inmigrantes (menos de 100.000 persoas na Galiza) e unha mensaxe de supremacismo español nun territorio onde boa parte da poboación autoidentifícase tamén, en maior ou menor medida, como galega. Foron estes os únicos motivos de que Vox non callase na Galiza? Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 345 de Sermos Galiza.


mini_4 (1)Galiza non foi territorio propicio para Vox nas eleccións do 28 de abril. O feito de que só sexan quen de presentar candidaturas en 13 concellos galegos para os comicios do vindeiro 26 de maio indica que esa tampouco será a súa cita, por moito que o seu secretario xeral, Ortega Sminth, afirmase nunha das visitas-paracaidistas a Galiza que nesas eleccións íano “petar”. Vox encallou na Galiza. Tivo aquí o seu terceiro peor resultado no Estado: 5,2%, a metade que o que a formación ultra atinxiu no conxunto do Estado español. Só en Euskadi (2,2% dos votos), Catalunya (3,6%) e Nafarroa (4,8%) o partido de Santiago Abascal tivo peores rexistros que no noso país.

En boa parte dos municipios de Galiza Vox non superou o 28 de abril 4% dos apoios nas urnas. O seu mellor resultado foi en Becerreá, con 9% dos votos, un 1% menos que os que o partido tivo de media a nivel estatal. Por que Vox non calla na Galiza? As respostas á pregunta non poden reducirse a unha. Activista e sociólogo, Daniel Castro aponta a Sermos dous motivos. Un, que o discurso demagóxico sobre a invasión inmigrante bate coa escasa presenza de inmigrantes na Galiza: “Apenas hai 100.000 residentes na Galiza que son persoas inmigrantes”, indica, engadindo que non hai problemas de convivencia.

Supremacista

Outro motivo, o discurso supremacista español a cabalo do procés catalá, así como a belixerancia contra os pobos do Estado con outras linguas e culturas. Castro mantén que nestes anos houbo un aumento e reforzo do españolismo e que Galiza non foi allea a esa vaga, mais lembra que as enquisas do CIS sitúan a porcentaxe das galegas e galegos que se senten exclusivamente españois en só 3%, e os que se senten máis españois que galegos en 5%.

[Podes ler a información íntegra no número 345 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]