Vox quer darlle o nome de Amancio Ortega a un hospital público

Vox quer darlle o nome de Amancio Ortega a un hospital público
Hospital Dr. Negrín
Hospital Dr. Negrín  

Quer mudar o nome do Hospital Universitario de Gran Canaria, actualmente Doutor Negrín – quen fora presidente da II República española-. polo do creador e principal accionista de Inditex.


O candidato de Vox á presidencia do goberno das Illas Canarias propuxo que o actual Hospital Universitario de Gran canaria ‘Dr Negrín’ pase a denominarse Hospital Universitario de Gran Canaria  ‘D. Amancio Ortega’. Esta sería a segunda medida que adoptaría, segundo declaracións recollidas por Europa Press, pois a primeira pasaría por recortar “chiringuitos” na sanidade.

O partido de extrema dereita considera que o hospital público canario non pode levar o nome dunha persoa como Negrín, “de dubidosa responsabilidade” e enxalzou Amancio Ortega, "que tanto está a facer pola medicina e a cura do cancro no noso país”.

As declaracións prodúcense despois de que unha doazón de Amancio Ortega á sanidade fose motivo de debate. Fronte aos que defenden o ‘mecenazgo filantrópico’ da acción, diferentes organizacións e plataformas lembraron que a sanidade debería financiarse con recursos públicos, procedentes dunha fiscalidade máis xusta e na que as persoas máis adiñeiradas paguen máis fronte aos baixos tributos actuais.