LETICIA SANTOS, CANDIDATA Á ALCALDÍA DE MOAÑA (BNG-AA)

"A xente moza si participa, o que houbo foi unha desconexión coas institucións"

"A xente moza si participa, o que houbo foi unha desconexión coas institucións"
[Imaxe BNG]
[Imaxe BNG]  

Candidata á alcaldía de Moaña, Leticia Santos, defende unha proposta para "transformar" a localidade salientando que "o nacionalismo" é "a única vía". "Non somos a marca branca de ninguén e imos a cara descuberta", enfatiza. 


Leticia Santos encabeza a candidatura do BNG-AA ao Concello de Moaña. No trafego da campaña fainos un oco para conversar con Sermos Galiza a respeito das eleccións municipais, da realidade que atinxe a mocidade do país e da súa localidade mais tamén para explicarnos algúns dos trazos do programa electoral que elaboraron, explican, man a man coa veciñanza e os colectivos locais. 

Como levas estes días de campaña?
Moi ben. Moi animada e con moita ilusión. Ademais estou arroupada por unha equipa formidábel. 

Inflúe na política ser muller e moza?
Temos que ir ocupando estes espazos mais coido que ser muller non te capacita nen descapacita para nada. Ora ben, se conseguimos o apoio da veciñanza o 24 de maio tornaríame na primeira alcaldesa de Moaña. A respeito da miña idade é interesante aportar espírito xuvenil para mellorar o concello ademais teño formación e experiencia en diversas organizacións e asociacións. 

"A xente moza séntese decepcionada pois despois de nos diciren que somos a xeración máis preparada vémonos abocados á emigración, igual que os nosos avós"

Que pensas cando escoitas que a mocidade non se implica, que non participa?
A xente moza non é que non participe, non o fai nas fórmulas tradicionais através das institucións, mais está organizada e sabe que é o que quere. O que houbo foi unha desconexión entre a política tradicional, as institucións, e a sociedade en xeral, coido que non só coa mocidade. Así as cousas, a xente moza séntese decepcionada pois despois de nos diciren que somos a xeración máis preparada vemos que estamos abocados e abocadas á emigración, igual que os nosos avós ou os nosos pais. Nese senso, desde o BNG-AA queremos que a veciñanza participe de verdade e que sexa através desa participación, das súas achegas, como poidamos desenvolver este proxecto novo para Moaña. 

No contexto actual, que leitura fas destas eleccións municipais?
Para min chegar a estas eleccións e ao concello é a posibilidade dun cambio. Non gosto da deriva do concello cun goberno en minoría do Partido Popular sen equipa e sen proxecto. Farta diso decidín dar o paso co obxectivo de pór fin a políticas caciquís e de amiguismos. 

 "Non gosto da deriva do Concello de Moaña cun goberno en minoría do Partido Popular sen equipa e sen proxecto"

Cales son os trazos xerais da vosa proposta?
O primeiro é traballar para mellorar as expectativas de vida da veciñanza. Mellorar a situación das familias que están en risco de exclusión social e que, por desgraza, no noso concello son moitas. Queremos reforzar os servizos sociais, como xa temos feito desde o concello, e pór o urbanismo ao servizo da xente e non dos intereses empresariais. Neste senso, defendemos a construción dun novo centro de saúde para a localidade. No noso proxecto tamén é moi importante a participación das persoas e dos conlectivos na vida municipal e non só que poidan votar cada 4 anos. Queremos gobernar para todos e para todas. Aliás, defendemos a posta en valor do noso patrimonio como pobo, que é moito; a nosa cultura e o deporte con axudas ás asociacións e os clubes. 

Coñeces ben ese eido, foches deportista de elite en Taekwondo...
Non fun deportista profesional porque é difícil acceder ás axudas e tiven que combinalo, mentres puiden, cos estudos e o traballo. O que é triste tamén. Mais o Taekwondo aportoume capacidade de traballo, disciplina, sacrificio, ilusión e tamén respecto cara aos demais. Tamén lealdade. Mentres fun deportista nunca me sancionaron e iso defíneme como persoa pois creo que non todo vale, que os fins non xustifican os medios, tampouco en política. Teño claro que hai que cumprir coas normas e ter ética, algo que está bastante esquecido ultimamente. 

"O nacionalismo é a única vía para defender a nosa identidade"

Encabezas a candidatura do BNG-AA nun momento no que se di do nacionalismo que non serve, que está desfasado, que só non pode ir a ningures... 
O nacionalismo é a única vía para defender a nosa identidade. No BNG non somos a marca branca de ninguén e imos a cara descuberta defendendo o que sempre defendemos, acarón da xente. Coido que é o único que se pode ser [nacionalista] se nos queremos como galegas e galegos. Ademais, é exemplo de bo facer como reflicten os gobernos de Allariz ou Pontevedra. 

Cal é a sensación que tiras deste primeiro treito da campaña?
Antes de comezar coas reunións a xente estaba un pouco pesimista, lamentándose pola situación na que nos atopamos mais agora vemos que están a recuperar a ilusión ao veren que imos ao concello coa vontade de defendermos os seus intereses. Uns intereses que recollimos através das asembleas abertas e sectoriais e que foron incorporados ao programa. Estou certa de que este será un proxecto de futuro, que sairá adiante e ben.