Unhas xornadas analizan en Trives protección ambiental e desenvolvemento para unha alta montaña “viva”

Unhas xornadas analizan en Trives protección ambiental e desenvolvemento para unha alta montaña “viva”
LIdia Senra
LIdia Senra  

Expertos ambientais, labregos e representantes de parques naturais do Estadoe Portugal toman parte neste encontro, organizado por AGEe e GUE/NGL.


A eurodeputada Lidia Senra, integrada no Grupo de Esquerda Unitaria de Europa-Esquerda Verde Nórdica por AGEe, chamou a "seguir no camiño de contribuír á loita para garantir a supervivencia das zonas de montaña”. Díxoo na presentación da xornada aberta “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña” que terá lugar o vindeiro sábado 16 de abril na Casa da Cultura da Pobra de Trives (Ourense).

Senra insistiu en que “sen labregas e labregos vivindo nela, non é posible manter a montaña”. Nos debates destas xornadas toman parte persoas expertas en figuras de protección ambiental, labregastitulares de experiencias de produción en zonas de alta montaña, así como representantes de diferentes Parques Naturais do Estado español e de Portugal. “O obxectivo é poñer en valor as figuras de protección, analizalas e debater sobre elas como unha vía máis para contribuír a manter a montaña viva”.

Lídia Senra definiu esta xornada como un “debate formativo e informativo” para “tentar sacar propostas e analizar como podemos aplicar mellor as medidas de protección e compatibilizalas coa actividade agraria para que sirvan de apoio económico para as labregas e labregos e as persoas que viven na montaña”.

En contraste co que acontece en lugares como Austria ou Francia, onde os propios Gobernos poñen en marcha medidas para desenvolver actividades económicas e sociais que dinamicen estas zonas, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra vén denunciando nestes espazos que nin desde a Xunta de Galiza nin dende o Goberno central están a levar a cabo actuacións suficientes neste sentido.