Xosé Collazo, do PCPG: “O pobo galego ten que ter unha forza que o represente en Europa e esa forza é o BNG”

Xosé Collazo, do PCPG: “O pobo galego ten que ter unha forza que o represente en Europa e esa forza é o BNG”
Xosé Collazo
Xosé Collazo  

Voceiro do Partido Comunista do Povo Galego, Xosé Collazo explica as razóns que levaron á organización que representa a apoiar a candidatura do BNG. A aposta soberanista e a oposición ao modelo da UE -que, segundo afirma, trouxo grandes prexuízos para o pobo galego- definen a súa aposta na lista encabezada por Ana Miranda. 

-Como valora esta campaña electoral que está xa na recta final?

Semella unha campaña con perfil baixo. Este é realmente o escenario ao que queren levar as forzas sistémicas este tema. Evitan que haxa un debate a fondo sobre a Unión Europea e o que significa e poñer as cuestións relevantes en primeiro plano. O que interesa é situar a campaña nos tópicos de sempre, en referencia aos grandes partidos sistémicos españois e as súas muletas. En xeral, é o que pretenden facer con todo tipo de campaña. Un perfil baixo cando a cuestión europea ten grande repercusión na nosa situación.

-Como se posiciona o Partido Comunista do Pobo Galego con respecto á UE?

Consideramos que é un organismo que foi montado polas oligarquías e os centros de poder do gran capital europeo e responde aos seus intereses. A corrección que se puido facer nestes tempos foi mínima. Estamos a ver como esas institucións están cada vez mais controladas por eses órganos de poder postos polas oligarquías ao seu servizo. Esta cuestión témola clara desde que nos manifestamos contra o Mercado común Europeo, contra Maastrich ou contra o euro. Somos europeos por xeografía e cultura mais iso non ten a ver con este organismo que se creou. Sempre mantivemos a postura rotundamente contraria e, neses aspecto, coincidimos coa esquerda nacionalista galega e por iso consideramos consecuente apoiar o BNG que sempre mantivo unha posición, mesmo única a nivel estatal, e foi referente máis alá do Estado. Por esta razón o noso apoio é coherente. 

-Esas foron as razóns que os levaron a tomar parte na plataforma Avante Galiza!

A chamada crise que estamos a vivir, que é unha crise do sistema capitalista, non caíu do ceo senón que foi creada polo gran capital e a única maneira de saír dela é enfrontándose a quen a causaron, con políticas diferentes ás que se están a aplicar. Compre gañar novas maiorías, os pobos e os traballadores temos que decatarnos de que a gravidade é de tal envergadura que precisa unha resposta a todos os niveis e tamén neste ámbito concreto das eleccións. Sempre mantivemos esta liña e coincidimos coas posturas que mantén o BNG. Participamos, por outra banda, de maneira conxunta con outras forzas que hoxe están nesta candidatura na opción “Os pobos deciden” ou na Iniciativa Internacionalista e, por iso tamén, é consecuente o noso apoio agora a esta opción. Queremos tamén solicitar que máis persoas e organizacións se sumen ao apoio para conseguir presenza galega na UE. 

-O Partido Comunista do Povo Galego súmase entón ás teses soberanistas?

Desde o noso nacemento, hai agora trinta anos, tivemos ao respecto unha posición inequívoca. Pouco despois da nosa creación buscamos o traballo conxunto e, neste caso e no país no que estamos, tiña que ser con forzas soberanistas e revolucionarias. Con elas coincidimos en plataformas de tipo social e político. Participamos nas Bases Democráticas Galegas e tamén en Causa Galiza. “Nada para nós, todo para o pobo” é un dos nosos lemas e iso explica que poñamos as cuestións fundamentais por riba das partidarias. Non temos ningunha dependencia respecto a outros partidos e sempre defendemos a nosa soberanía.

"O PCE é unha organización cunha historia de desprezo á loita pola soberanía nacional dos pobos, en concreto, do pobo galego"

Os comunistas representamos a nosa clase e o noso pobo traballador e iso non é abstracto, senón que forma parte da nación. O pobo galego é unha nación cunha historia á que non podemos ser alleos. Desde o punto de vista ideolóxico iso significa que temos que defender o dereito de autodeterminación. A evolución da historia da loita do noso pobo confirma que esa é a única vía. É dicir, hai unha relación dialéctica entre a loita de clases e a loita polos dereitos nacionais. É imposible que o pobo traballador galego poida conquistar a súa emancipación sen que o seu país sexa soberano. Contra o que algunhas persoas podan pensar, nós non temos nada a ver co PCE que é unha organización cunha historia de desprezo á loita pola soberanía nacional dos pobos, en concreto, do pobo galego comezando pola súa propia estrutura que marca a dependencia cunha dirección allea ao noso país. Malamente pode representar aos sectores máis agraviados ou golpeados por esta crise que ten un epicentro nesa Europa capitalista da que o propio PCE e Esquerda Unida foron tamén responsábeis co apoio á construción desas estruturas. Apoiaron Maastrich, o Mercado Común Europeo e nunca cuestionaron a UE nin o euro. 

-Que significa, ao seu ver, que a candidatura do BNG teña presenza no Parlamento Europeo?

É fundamental que Galiza estea como país. O pobo galego ten que ter unha forza que a represente en Europa e esa forza é o BNG. Non é de recibo que unha forza que acaba de xurdir fale de representar a Galiza formando parte de organizacións que non son galegas. É un paso atrás moi grande. O pobo galego ten que ter organizacións propias que o representen desde a coherencia histórica da loita que non teñen os que falan desde supostas posicións de esquerda e nacionalistas que non teñen base real ningunha porque a actual Unión Europea ten que ver coa súa renuncia a dar un combate no seu momento, como si o fixo o BNG, loitando contra ese modelo.



x