A xuíza pide os dados fiscais do alcalde da Coruña en relación a un caso de tráfico de influencias

A xuíza pide os dados fiscais do alcalde da Coruña en relación a un caso de tráfico de influencias
Carlos Negreira
Carlos Negreira  

Nun auto ditado esta cuarta feira, a xuíza De Lara pide os dados fiscais de Negreira, ben como tamén os do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o ex conselleiro de Cultura e candidato do PP en Ourense, Jesús Vázquez.


Unha trama de corrupción arredor basicamente do concello da Coruña, embora tamén salfire o presidente da Deputación, é a que debuxa a xuíza Pilar de Lara.

A súa tese, vistas as investigacións policiais, é que a empresa Véndex obtiña contratos públicos en troca de favores económicos -"pagamentos de diñeiro", "entregas de agasallos"- e da colocación de persoas, isto é, en troca de enchufes, no que pretensamente constituiría un caso de tráfico de influencias.

Os personaxes básicos da trama serían, por parte de Véndex, o "delegado rexional" da empresa na Galiza e director da súa delegación provincial na Coruña, José María Tutor, e por parte do concello da Coruña o tenente de alcalde e número 2 de Carlos Negreira, Julio Flores, o seu asesor Juan Carlos Boga, a xefa de contratación Gloria Díaz Crespo e a xefa de servizos de Cultura, Susana Martínez Portabales.

Todas estas persoas aparecen no auto referidas como "importantes contactos" de Véndex no concello da Coruña.

Julio Flores é a primeira vítima política do caso e xa anunciou a súa intención de non concorrer como candidato o 24 de maio. Atribuíu a súa decisión a cuestións de índole persoal, mais ninguén na súa contorna dubida que se vai para protexer politicamente Carlos Negreira.

A xuíza pide os dados fiscais e de Seguranza Social de Carlos Negreira e o ex-conselleiro Jesús Vázquez, entre outras 40 persoas

Coñecía Negreira os tratos da equipa de Flores con Véndex? A xulgar polas investigacións policiais e pola instrución do caso por parte da xuíz, si. 

No auto, De Lara escrebe o seguinte: "Esta [unha conversa entre Flores e Tutor para enchufar persoas]  non sería unha actuación isolada por parte do tenente de alcalde Julio Flores, senón que atinxiría a outros concelleiros do concello da Coruña como Francisco Mourelo, concelleiro de Deportes, ou Miguel Lorenzo Torres, concelleiro de Servizos Sociais, existindo mesmo conversas que alcanzarían o alcalde, Carlos Negreira".

Agora a xuíza dá un paso máis e, a través desta instrución, pide os dados de Carlos Negreira que podan ter interese para o esclarecimento do caso e que eventualmente obren en poder da Axencia Tributaria e/ou da Tesourería Xeral da Seguranza Social.

En realidade, De Lara demanda dados fiscais e da Seguranza Social dun total de 42 persoas, entre as que figura tamén o ex conselleiro de Cultura e candidato do PP en Ourense, Jesús Vázquez.