A PRIMEIRA VÍTIMA POLÍTICA DO 26M

Xulio Ferreiro asume a responsabilidade da derrota e abandona o concello

Xulio Ferreiro asume a responsabilidade da derrota e abandona o concello
Un momento da comparecencia [Foto: Radio Coruña, Elena López]
Un momento da comparecencia [Foto: Radio Coruña, Elena López]  

Unha derrota tan inapelábel como a sufrida por Marea Atlántica o 26 de maio —11.567 votos e 4 escanos menos que en 2015— costuma levar aparellada a asunción de responsabilidades en primeira pesoa. Así o entende Xulio Ferreiro, quen anunciou esta cuarta feira o seu abandono do Palacio de María Pita. Deixa atrás 4 anos como alcalde nunha experiencia inédita, a dunha formación que pasara de cero a 10 asentos no salón de plenos. As urnas fóronlle desta volta esquivas e a súa marcha deita moitas dúbidas sobre o futuro da Marea na Coruña.


Ferreiro compareceu perante os xornalistas, no palacio de María Pita, arroupado por compañeiras e compañeiros do grupo municipal saíntes, algúns dos cales como José Manuel Sande ou Rocío Fraga non recuncaron na candidatura este 26M, para materializar unha renuncia que na súa contorna persoal e política se daba por feita desde a noite electoral.

Emocionado, entre bágoas e coa voz entrecortada que trataba de aclarar con continuos grolos de auga, explicou que son "razóns de carácter persoal e política" as que o levan a renunciar a tomar posesión do seu escano na nova corporación que se constituirá o próximo 15 de xuño.

A razón política é a plena asunción de responsabilidades da derrota, precisou, ante o "obxectivo non cumprido" de revalidar a alcaldía. Ferreiro revelou que xa hai tempo tiña tomada a decisión de abandonar o concello se se producise a eventualidade de non reter o bastón de mando de María Pita. Durante estes días, dixo, recibiu moitas chamadas de persoas que o animaban a ficar no concello. Mas, remarcou, a decisión estaba tomada por ser a máis congruente coas súas conviccións e valores.

"Deixo paso a outras persoas que podan pór Marea Atlántica en disposición de disputar a alcaldía en 4 anos", afirmou Ferreiro, quen se esforzou por transmitir a idea de que a confluencia coruñesa ten futuro por diante e que non se vai esfarelar após a derrota do 26M. "Non hai ninguén imprescindíbel", dixo para xustificar a súa marcha, "e moito menos nun proxecto como a Marea".

Abandona a primeira liña, deixa o concello, mais non a militancia, avanzou. "Quedo como un membro máis, oferecendo a miña experiencia e o meu traballo militante", dixo e a seguir enfiou un discurso de reivindicación do seu legado como alcalde. A Coruña é hoxe, afirmou, unha cidade "máis sostíbel" que hai 4 anos, con menos bolsas de pobreza, con máis emprego de calidade, coas arcas municipais saneadas e cun sector turístico "máis forte".

"Foi difícil gobernar en minoría", dixo, e foi duro "aturar campañas de desprestixio" dirixidas contra o grupo de goberno que el lideraba, algunhas das cales apuntaban mesmo ao seu ámbito persoal e familar. "Tería sido máis doado ceder a determinadas presións", alegou sen precisar a cales se refería, mais en clara alusión aos poderes fácticos da cidade.

Houbo tamén no seu discurso un longo espazo para o recoñecimento á manchea de persoas que o acompañaron durante os 4 anos de goberno, desde integrantes do grupo municipal até persoal do concello. Entre todas elas destacou o seu xefe de gabinete, Iago Martínez, quen precisamente entrará agora en María Pita como concelleiro para tomar posesión do escano que abandona Ferreiro."Non tería sido nen a metade de alcalde que fun se non tivese tido Iago ao meu carón", dixo. Houbo quen se esforzou en dinamitar a súa relación con Martínez, dixo, pero o vínculo entre eles resistiu todos os ataques até o punto de que Ferreiro deslizou que agora será el quen asesore o concelleiro electo. 

Ferreiro deixou claro que non vai participar nas conversas co grupo municipal do PSOE para garantir a formación dun goberno progresista na cidade. Xiao Varela, concelleiro de Urbanismo durante estes catro anos, perfílase agora como portavoz da confluencia.