A Xunta admite que destruíu expedientes de contratos sobre Marcial Dorado

A Xunta admite que destruíu expedientes de contratos sobre Marcial Dorado

O goberno galega xustifica a decisión de destruír cinco destes documentos das relacións co narco arousá en que estaban danados tras varios anegamentos producidos no instituto de FP de Coia (Vigo) onde estaban gardados. A información é unha resposta a unha pergunta formulada por AGE. A coligación de EU e Anova exixe saber quen deu a orde de destrución dos documentos.


A Xunta recoñece que contratos da administración vencelladas con empresas do narcotraficante arousá Marcial Dorado foron destruídos. O motivo que alega para xustificar esta medida é que o arquivo de Coia (Vigo) onde estaban gardados estes documentos sufriron anegamentos que afectaron a esa información.

“As inundacións afectaron de gravidade a moitos dos expedientes alí arquivados até o punto de que tiveron que ser destruídos”. Así reza a resposta remitida a Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

Contratos con Familia, Emprego e Xuventude

Estes expedientes que xa non existen eran os relacionados coas actualmente desaparecidas delegacións provinciais das consellerías de Familia, Muller e Xuventude; e de Emprego, Muller e Xuventude, correspondentes os exercicios entre 1990 e 2011. Que estivesen almacenados en Coia respondía, segundo a Xunta, a que nas dependencias das delegacións provinciais non había xa espazo físico para iso.

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, considera que esta resposta demostra que si que se destruíron expedientes e preguntou quen é o responsábel da eliminación dos mesmos.