ORZAMENTOS 2020

A Xunta dedica nove veces máis a manter o profesorado de Relixión que á formación

A Xunta dedica nove veces máis a manter o profesorado de Relixión que á formación

A contía para formación do profesorado nos orzamentos fica en 3,3 millóns de euros fronte aos máis de 27 millóns que custa manter o persoal de Relixión.


A aposta do Goberno galego polo ensino de Relixión nos centros de ensino levará nos próximos orzamentos unha cantidade superior aos 27 millóns de euros para o mantemento do profesorado desta materia, elexido directamente polo Bispado.

Os 16,35 millóns contemplados no proxecto de orzamentos para as ensinanzas de Infantil, Primaria e ESO, aos que hai que engadir os 11,23 millóns de Secundaria e FP, contrastan coa exigua cantidade que o Goberno galego ten previsto dedicar a formación e perfeccionamento do profesorado en todo o sistema educativo.

Segundo denunciou a deputada do BNG Olaia Rodil nas súas redes sociais, a contía para este fin ascende a 3,3 millóns de euros, polo que manter o profesorado de relixión será nove veces máis custoso do que se investirá en mellorar as capacidades do persoal docente. Tamén representa máis da metade do que se consigna para educación especial (48,1 millóns de euros).

Ser profesora sen aprobar ningunha oposición

O profesorado de Relixión nin é funcionariado nin é persoal interino, mais si ten praza fixa, como persoal laboral da Xunta de Galiza. Posúe o seu propio regulamento e está suxeito ao Estatuto das Traballadoras e Traballadores. Como ao resto do profesorado, aos docentes de Relixión págalles á Administración educativa, é dicir, a Consellaría de Educación.

As profesoras e profesores de Relixión non teñen que aprobar oposición ningunha. Precisan dunha titulación en Maxisterio ou un Grado de Mestre para Primaria, ou ben unha licenciatura para Secundaria. Ademais, precisa dunha Declaración Eclesiástica de Idoneidade outorgada pola Diocese á que corresponda a persoa docente e que acredita “unha recta doutrina e testemuña de vida cristiá”.

Tamén son necesarias unha Declaración Eclesiástica de Competencia Académica e a recomendación do bispo da diocese corresponde á Administración Académica, que indica que esa persoa é competente para ensinar Relixión.