A Xunta Electoral non autoriza a manifestación deste sábado de persoal do transporte de Sogama

A Xunta Electoral non autoriza a manifestación deste sábado de persoal do transporte de Sogama

Malestar entre os traballadores e traballadoras, que consideran “fóra de lugar” a decisión e pregúntanse se tamén vai desautorizar a Festa do Champiñón que para esa xornada se celebra na vila onde ían mobilizarse, Ordes.


“Grave e fóra de lugar”. Así cualifican desde o persoal de transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama a decisión da Xunta Electoral de non autorizar a manifestación que tiñan convocada para este sábado en Ordes no marco da greve indefinida que manteñen pola readmisión dos 8 compañeiros despedidos e para exixir que rematen as presións ás que están sometidos.

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, considera que non se pode mesturar un conflito laboral cunha campaña electoral. “Unha cousa é a campaña electoral e outra isto. Supoño que tamén prohibirán, logo, a festa do champiñón que tamén se celebra ese mesmo día en Ordes, para evitar que induzan ao voto”.

Presións da Garda Civil

O representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón denuncia que hai presións directas recibidas da Garda Civil ameazando con que de realizarse igualmente a manifestación cargarían contra as e os manifestantes.

Pavón critica o que considera unha “falta de sensibilidade social” da Xunta Electoral, indicando que mentres permite que o sábado os medios de comunicación fagan seguimento e informen de como pasan a xornada de reflexión as e os candidatos, “o que si induce a voto”; porén, “impide que se visibilice nunha manifestación un conflito que afecta a 8 familias”.

Os traballadores e traballadoras decidirán en asemblea a nova data de convocatoria da manifestación, que comunicarán en breve. Denuncian máis unha vez a responsabilidade de Sogama e da Xunta por permitir que se produzan este tipo de comportamentos nunha contrata de transportes que traballa para unha empresa pública.