A Xunta non comprará a Francis Franco a súa parte do pazo de Meirás

A Xunta non comprará a Francis Franco a súa parte do pazo de Meirás
Pazo de Meirás
Pazo de Meirás  Foto: Wikipedia

Francis Franco Martínez-Bordiú, un dos netos do ditador, pretende vender a parte que lle corresponde por herdanza do Pazo de Meirás á súa propia empresa, Pristina S.L. A Xunta xa sinalou que non a comprará.


Presumibelmente co fin de impedir o resgate do Pazo de Meirás para o patrimonio público, Francis Franco, un dos netos do ditador, pretende vender a súa parte do inmoble á súa propia empresa, a sociedade Pristina S.L. Así o publicaba La Voz de Galicia, que informaba de que o neto de Franco enviou a documentación á Xunta en cumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza –que obriga a notificar calquera transmisión onerosa da propiedade dun Ben de Interese Cultural (BIC)–.

Francis Franco posúe a sétima parte do pazo, que se atopa á venda nun portal inmobiliario cántabro por 8 millóns de euros. A Xunta disporía agora de tres meses para adquirir a parte do pazo de Meirás que lle corresponde ao neto maior do ditador. Porén, fontes da Consellaría de Cultura adiantaron a La Voz de Galicia que non exercerán o dereito de tanteo e retracto sobre o Pazo de Meirás.

Falta de celeridade

O anuncio da venda por parte de Francis Franco ten lugar no marco do debate para a recuperación do pazo para o patrimonio público. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que desde a súa área impulsou o resgate do inmoble a través da constitución dunha comisión de persoas expertas, empraza a Xunta e o Goberno central a actuar de maneira “urxente” e a iniciar o proceso xudicial encamiñado a recuperar a titularidade pública do pazo. Leva meses facéndoo.

O informe xurídico encargado pola deputación recolle a necesidade de axilizar o procedemento, pois as persoas especialistas temían que se puidese producir unha operación como a que agora se anuncia. “Se Francisco Franco recorreu a unha operación ficticia de compra para que o Pazo de Meirás pasase á súa propiedade, agora o neto ten vontade de facer diante nosa unha operación parecida para perpetuar o espolio”, afirma a nacionalista.

Sanmartín, que a semana pasada se puxo en contacto co Goberno central para pedirlle que inclúa a recuperación do inmoble entre as súas prioridades, lamenta que o executivo de Raxoi “eludise toda responsabilidade” e que o de Sánchez  tampouco actuase “coa rapidez requirida”.

Unha "manobra fraudulenta"

Tamén se queixa da falta de celeridade o Goberno local de Sada, que cualifica a estratexia do neto de Franco de “manobra fraudulenta coa que pretende anticipar e evitar os efectos legais de prosperar a vía xudicial”. Porén, o executivo advirte de que a pretensión do neto do ditador non dificultaría a reversión e incorporación do pazo ao patrimonio público se se estima a demanda que debe presentar “canto antes” o Estado.

O Goberno de Sada afirma que, como BIC, o inmoble é indivisíbel, polo que o intento de venda “nin altera o réxime de protección nin supón a renuncia da Xunta a exercer accións no proceso xudicial que interpoña o Estado”.