A Xunta volve bater no xabaril

A Xunta volve bater no xabaril
Femia de xabaril con crías [Imaxe: Pixabay]
Femia de xabaril con crías [Imaxe: Pixabay]  

En outubro, a Xunta de Galiza declarou a “emerxencia cinexética” en 33 concellos, permitindo a caza indiscriminada de xabaris até o 29 de febrero. Esta medida é insuficiente para os sindicatos, que demandan que o Goberno galego asuma a planificación da caza, do número de xabarís que poden cohabitar en cada comarca e o pagamento dos danos.


Na terza feira, 5 de novembro, o BNG presentou en Xunta de Portavoces a proposta dunha Comisión non  permanente de estudo sobre a problemática do xabaril. A iniciativa non prosperou, tras os votos negativos do Partido Popular e do Partido Socialista de Galicia. O deputado nacionalista Xosé Luís Rivas ‘Mini' explica a Sermos Galiza o que o PSdeG “cedeu”, pois preferiron agardar á tramitación dunha ILP proposta por Unións Agrarias para controlar a poboación de porcos bravos na Galiza.

Rivas defende que a proposta do BNG é compatíbel co paso da ILP á Cámara. “O noso razoamento é que a Consellería carece dun censo fiábel do número de xabarís e, polo tanto, está lexislando sen base ningunha. Nós propuxemos unha cuestión parlamentar con expertos na materia, naturalistas, gandeiros e cazadores e, cos datos na man, artellar un plan de xestión serio”, afirma.

A Consellería carece dun censo fiábel do número de xabarís, denuncia Rivas

O deputado nacionalista insiste en que a poboación de xabaril está “descontrolada” e en que as medidas da Xunta son insuficientes. “Os gandeiros e agricultores están desesperados e a Xunta estabelece a emerxencia cinexética, que é unha barbaridade. Supón poñer en risco poboacións do rural con cazadores a calquera hora do día», reclama. Denuncia que a Xunta de Galiza “delega” as súas competencias nos cazadores e no Estado, ao que reclamou en outubro un censo estatal de xabarís e medidas “uniformes” para todas as comunidades autónomas.

Emerxencia cinexética

O 11 de outubro o Diario Oficial de Galiza publicou unha resolución que declaraba a “emerxencia cinexética”, motivada polos danos provocados polo xabaril nas comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e o Deza. A medida permite abater ou capturar exemplares de xabaril nun total de 481,170 hectáreas sen límite de cota, durante un período que se estendera até o 29 de febreiro do mesmo ano. A caza debe comunicarse con dez días de antelación á xefatura territorial de Medio Ambiente.

Esta resolución foi a solución acadada pola Consellaría de Medio Ambiente para facer fronte aos prexuízos provocados por xabarís nas citadas comarcas. A Administración galega contabiliza en más de 3.900 os avisos por danos e eleva a 1.800 os accidentes de tráfico provocados.

A resolución non foi a única medida adoptada polo Goberno galego. O proxecto dos Orzamentos 2020 presentado pola Xunta inclúe unha modificación da normativa de caza, a través da lei de acompañamento dos orzamentos. Os cambios, que modifican o artigo 72 da Lei de Caza, engade dúas novas modalidades de caza maior: “en man” e “ao salto”, antes só permitidas para a caza menor.

A Xunta delega nos tecores

Jacobo Feixoo é responsábel de desenvolvemento rural de Unións Agrarias. O 4 de outubro o sindicato presentou no Parlamento de Galiza as 6.500 sinaturas que avalan a súa ILP sobre o control do porco bravo. “Recordo que o mínimo son 2.500 e que nós acadamos esa cifra en tres semanas, iso amosa o real desta problemática”, afirma en declaracións a Sermos Galiza.

A Xunta obriga aos tecores a compensar os danos ocasionados pola fauna, denuncia Feixoo

Feixoo afirma que Unións Agrarias aposta pola «caza social» como solución á problemática do xabaril. “Que acontece? A caza tal e como está organizada non é eficaz. Existen 414 tecores societarios, aos que corresponde o control da fauna salvaxe dos seus territorios correspondentes”, explica. Acusa a Xunta de Galiza de delegar as súas funcións de planificación e xestión dos danos ocasionados polo xabaril nos tecores. “Obrígaos a compensar os danos ocasionados pola fauna salvaxe aos cultivos, cando non teñen a capacidade económica para facelo”.

A ILP do sindicato propón que a Xunta recupere a súa responsabilidade na planificación das accións de caza. “O pago dos danos ten que ser responsabilidade da Administración, e ten que ser a Xunta a que planifique en cada comarca que poboación de xabarís pode convivir coa poboación, tendo como criterios que se poda alimentar sen depender dos cultivos e o posíbel control da propagación de enfermidades como a peste porcina”, reclama Feijoo. O responsábel de Unións Agrarias explica que a iniciativa foi presentada «como medida urxente para tramitar» á par que o debate orzamentario. “Esperamos que sexa tramitada antes de finais de ano”.

Críticas dos sindicatos

Desde a Federación Rural Galega (FRUGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) reclaman que a caza é unha medida insuficiente para afrontar a problemática do porco bravo. Elías Somoza, coordinador da FRUGA en Lugo, reclama que a primeira medida que debería adoptar a Xunta “é facer un estudo serio e rigoroso da poboación do xabaril, das posíbeis medidas de tratamento e facer un plan integral a partir de aí”. “Os danos do xabaril cada ano van en aumento, sobre todo nas colleitas de millo ten que haber medidas de máis calibre que a caza e que as axudas, que teñen unha dotación orzamentaria insuficiente e que non se publican todos os anos”, afirma.

Para Somoza a problemática do xabaril foi agravada polo progresivo abandono de terras e do rural galego. “A maiores, incidiuse nunha política forestal, para contentar determinados intereses, que tamén contribúe a empeorar a situación do porco bravo”.

A caza prexudica outros aproveitamentos do monte, sinala Isabel Vilalba

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, incide en que o límite máximo das axudas por danos é de 1.500 euros, “cando hai persoas cuxos danos superan os 15.000 euros”. Critica a “emerxencia cinexética” declarada pola Xunta, pois considera que pon en perigo á poboación do rural. “Prexudican outros aproveitamentos do monte, como ir a apañar cogomelos ou facer sendeirismo, permitindo accións de caza todos os días, mesmo de noite”, reclama.

Para Vilalba a Administración pública amosa unha “desidia total” na súa xestión, dependendo dos tecores para outras tarefas como o control sanitario da fauna salvaxe. “Existe un problema de peste porcina africana, é triste que aquí comecen a abordar este tema tan tarde. A sanidade animal é un asunto abondo importante para que sexa abordado directamente desde a Administración pública”, conclúe.