A primeira Xunta de portavoces deixa ver o clima da lexislatura

A primeira Xunta de portavoces deixa ver o clima da lexislatura
Pleno IX lexislatura
Pleno IX lexislatura  SG

Após a primeira reunión, diverxen as opinións entre os grupos parlamentares. Porén, o PP emprega a maioría absoluta para sacar adiante as súas propostas de igual maneira que na anterior lexislatura. 


A mesa de portavoces tivo este sábado a súa primeira xuntanza. Coa incorporación de AGE como terceira forza após dúas lexislaturas con só tres grupos, estes terán que se poñer de acordo na re-distribución dos espazos. De antemán, o voceiro da Alternativa Galega, Xosé Manuel Beiras, xa amosou o seu malestar polas dimensións das oficinas que posúen no Parlamento.

A composición das Comisións
A chegada dunha nova forza política ao arco parlamentar está a re-configurar a composición dos organismos que compoñen a Cámara. Neste senso, as comisións pasan –a proposta da Mesa parlamentar-- a teren 12 membros en troca dos 13 habituais nas anteriores lexislaturas. Neste senso, o voceiro do grupo socialista, Abel Losada, aseguraba que a súa formación garantiría a pluralidade na composición cedendo parte dos postos que lle correspondían –de acordo co número de votos-- a AGE e BNG. Neste senso, @s socialistas mudaron o seu talante a respecto do que acontecera finalmente coa composición da Mesa parlamentar, en que PSdeG-PSOE empregou a súa condición de segunda forza para sentar dúas deputadas socialistas na vice-secretaría e vice-presidencia segunda, excluíndo aos outros dous grupos da oposición.

A Mesa do parlamento rexeita aumentar o número de representantes nas comisións aínda que non supuxese un aumento do gasto

Desde o BNG, criticaron que a primeira Xunta de portavoces rexeitase a proposta achegada pola organización frontista e coa que procuraban, asegurou á saída Francisco Jorquera, que as comisións reflectisen “a pluralidade que naceu nos últimos comicios”. Na súa achega, o BNG propuña que as comisións contasen con 17 membros (PP 9, PSOE 4, AGE 2 e BNG 2) garantindo, deste xeito, unha maior representatividade para todas as forzas. Aliás, @s nacionalistas achegaron a posibilidade de que a modificación das comisións fose acompañada dun pacto entre partidos para que non supuxese un aumento do gasto, senón que en troca mantivese o mesmo orzamento. No entanto, a proposta foi rexeitada. Pola súa banda, Beiras asegurou que o Parlamento funciona como “un organismo supraprovincial caciquil” e criticou que non se produzan mudanzas na institución após a chegada de AGE. 

Debate de investidura
A vindeira quinta feira, o salón de plenos do Parlamento acollerá a sesión de investidura do que será presidente da Xunta de Galiza durante a lexislatura. Neste senso, e habida conta da existencia dun outro grupo parlamentar, o órgano reitor da Cámara decidiu reducir os tempos de intevención cos que contarán as distintas forzas para interpelaren ao candidato á presidencia, Alberto Núñez Feijóo. O voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera criticou esta decisión nun debate “destas características” no que dixo, “todos os portavoces debemos ter o tempo suficiente para expoñer as nosas posicións”.

O debate de investidura contará con menos tempo que na lexislatura anterior porén haberá un grupo político máis

Así as cousas, a vindeira quinta feira non haberá sorpresas no Parlamento. A maioría absoluta da que goza o Partido Popular re-elixirá máis unha lexislatura a Feijóo como presidente. Neste senso, e malia as declaracións feitas ao longo desta semana en que aseguraban que se absterían na votación, Abel Losada
asegurou que a súa formación mantería “unha posición claramente en contra” á re-elección de Núñez Feijóo. Posicionamento que comparten BNG e AGE cuxos voceiros adiantaron que tamén se oporían á investidura do dos Peares.