Xustiza di que "ultima" a reforma da lei do aborto entre rumores de demisión


Xustiza di que "ultima" a reforma da lei do aborto entre rumores de demisión

O Ministerio responde así ás informacións difundidas nos últimos días e que apuntarían cara á retirada da reforma. Cadena Ser asegura que Gallardón estaría a pensar en demitir.

Através das declaracións difundidas á axencia de noticias EFE, o Ministerio de Xustiza retruca as informacións publicadas nos últimos días e asegura que continúan a traballar no proxecto de reforma da lei do aborto. 

"O Ministerio de Xustiza continúa traballando, procurando o máximo consenso posíbel e ultimando a redacción do proxecto de lei", apuntan desde EFE atribuíndo as declaracións a fontes da propia carteira. 

A reforma anunciada polo propio ministro, Alberto Ruíz Gallardón, prevía ser aprobada polo Consello de [email protected] "antes de rematar o verán", segundo informou a finais do mes de xullo. Porén, aínda non foi presentada ao executivo logo de se dar a coñecer, en decembro de 2013, o contido do anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida. 

Segundo as últimas informacións publicadas, as diverxencias no seo do Partido Popular impediron a Ruíz Gallardón sacar adiante a súa proposta. No albo, unhas eleccións municipais e os inquéritos internos da forza no goberno que apuntarían a unha importante queda de apoios neste asunto. Porén, desde Xustiza queren disipar dúbidas e manteñen que a proposta continúa adiante.

Demisión de Gallardón

Esta segunda feira, a canle radiofónica Cadena Ser dixo ter informacións a respeito dunha posíbel demisión do ministro quen se consideraría "completamente desautorizado" perante a posíbel retirada do proxecto de reforma da lei do aborto. 

Ruíz Gallardón estaría a abrir así un "período de reflexión persoal" mais que, para certos sectores do PP podería ser tan só un "amago" que non se chegaría a formalizar. Así as cousas, outras voces, sinala a SER, apuntan que a saída de Gallardón do Goberno español podería formalizarse após o pronunciamento do TC sobre a Lei de Consultas catalá. Iríase, din, "por dignidade".