Vence lembra que as “amizades perigosas” de Feijóo van alén do narco Dorado e cita a Pablo Crespo ou o chófer testaferro

Vence lembra que as “amizades perigosas” de Feijóo van alén do narco Dorado e cita a Pablo Crespo ou o chófer testaferro
Xavier Vence
Xavier Vence  sg

O portavoz nacional do BNG considera que as fotografías de Feijóo co narco Manuel Dorado só deixan unha opción ao presidente da Xunta, demitir.


 

Xavier Vence, aliás, entende que non se pode falar de “mera coincidencia” e lembra que Feijóo tivo máis “amizades perigosas”, citando a Pablo Crespo e a Manuel Cruz. Afirmacións que o portavoz realizou após a súa comparecencia para denunciar o “espolio” a Galiza que supón a quita de preferentes e subordinadas

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera que as fotografías de Feijóo con Manuel Dorado constitúen un “problema político e de ética pública que afecta a gobernanza do país”. Así o manifestou a preguntas dos xornalistas após a súa primeira rolda de imprensa como portavoz nacional. Unha comparecencia na que denunciou o “espolio do aforro, o salario e os impostos dos galegos para salvar a banca” e na que fixo un chamemento a todas as forzas políticas nacionalistas e de esquerda, sindicatos e movementos sociais a uniren forzas e facer unha fronte común contra dito “espolio”.

“As fotografías reflicten moito máis que unha mera coincidencia de dúas persoas nun iate”, sinalou Vence, que lembrou que Manuel Dorado non era a única “amizade perigosa” do actual presidente da Xunta. Neste sentido, apuntou Manuel Cruz, chófer de consellerías e testaferro do narco, a persoa que os presentou.

Un dos cerebros da Gürtel

E nesta relación de “amizades perigosas” que Vence lle lembrou esta cuarta feira a Feijóo tamén está Pablo Crespo, “que estaba en Portos de Galiza cando Feijóo estaba na Consellería de Transportes e de Obras Públicas”. Crespo chegou a ser secretario de organización do PPdeG ao tempo que, como empresario, xestionou entre 1996 e 1999 numerosos actos políticos do Partido Popular en Galiza. Foi propietario e administrador de varias empresas que foron investigadas xudicialmente. As pesquisas remataron coa súa detención en 2009. Daquela foi cando o Partido Popular comunicou a súa expulsión do partido. A trama Gürtel, pola que se investigou a Crespo, relacionouse co caso Bárcenas pola presunta financiación irregular do PP.

O 1% do PIB de Galiza (eses 600 millónsda quita aos preferentistas galegos) vai ir de Galiza para o FROB “e para o sistema financeiro español”

Para o portavoz do BNG as xa mundialmente coñecidas fotos de Feijóo e Dorado non deixan ao presidente máis que unha saída: “Debe despexar o terreo para ter un goberno centrado nos problemas do país, que non son os seus”. Vence lamenta que “Galiza “saia en xornais de todo o mundo por unha foto do seu presidente cun narco”, un escenario que, reiterou, “o noso país non pode soportar”. Por iso, concluíu, “Feijóo debe demitir, canto antes”.

Vázquez Taín e a obriga dos xuíces de non tomaren parte

Tamén a preguntas dos xornalistas sobre as declaracións en medios de comunicación do xuíz Vázquez Taín nas que alén de sinalar que non había indicios delictivos nas fotografías, quitáballe ferro ás mesmas; Vence lembrou que os maxistrados “falan a través de sentenzas” e que non é propio que fagan declaracións “de parte”. Neste sentido, lembrou que en 2005, sendo Feijóo vicepresidente da Xunta, nomeouse Vázquez Taín director da Axencia Galega de Seguridade. Polo que, para evitar 'malentendidos' o xuíz debería absterse de facer declaracións dese tipo.

A quita e o roubo

Na rolda de imprensa, Xavier Vence alertou de que se está a producir un “espolio dos aforros, dos salarios e dos impostos dos galegos” para salvar a banca, un espolio no que o que acontece cos milleiros de persoas estafadas polas preferentes e subordinadas é un dos exemplos máis claros.

“Hai un problema social que o PP quer converter nun problema de orde pública”

Neste sentido, o portavoz do BNG lembrou que a quita que se aplica aos preferentistas galegos supón 600 millóns de euros, “alén da cantidade posterior que se lle vaia quitar no canxe das accións por cartos”. Para Vence, só este dato xa indica que o equivalente ao 1% do PIB de Galiza (eses 600 millóns) vai ir de Galiza para o FROB “e para o sistema financeiro español”. Un roubo con responsabilidades políticas nos gobernos de Galiza e do Estado, apuntou.

Reaxir

O espolio que se está a producir coa cidadanía galega (“reforma laboral, recortes salariais,...”) constitúe un “problema social que o PP quer converter nun problema de orde pública”. Na sociedade de Galiza hai, apunta “sensación de desgoberno” nun momento no que se está a dar “un combate radical do sector financeiro contra os nosos aforros e salarios”.

Vence avoga porque as “forzas políticas nacionalistas e de esquerda, sindicatos,movementos sociais e cidadáns,...” fagan fronte común a esta grave situación

E chegados a este punto, que facer? Vence avoga por un chamamento a “forzas políticas nacionalistas e de esquerda, sindicatos,movementos sociais e cidadáns,...” para facer fronte a esta situación. Unha aposta por variar a actual situación e “poñer os recursos do país a funcionar”.