Yolanda Díaz empraza Villares a rectificar os erros cometidos

Yolanda Díaz empraza Villares a rectificar os erros cometidos
[Imaxe: Cadena Ser] Yolanda Díaz e Luís Villares
[Imaxe: Cadena Ser] Yolanda Díaz e Luís Villares  

“O portavoz ten a oportunidade de rectificar errores que se cometeron”. Así se dirixía Yolanda Díaz, deputada do grupo confederal de Unidos-Podemos-En Marea no Congreso, a Luís Villares, portavoz do partido instrumental.


“Creo que non lle teño que dicir o que ten que facer ninguén, gustaríame que o sábado pasado estivese todo o mundo en Ferrol, eu creo que se trata de remar a favor dunha Marea que sexa de todos, e o portavoz ten a oportunidade de rectificar erros que se cometeron”. Nestes termos interviña Yolanda Díaz, deputada de Unidos-Podemos-En Marea no Congreso, a respecto de Luís Villares nunha entrevista emitida este domingo en Radio Galicia-Cadena SER.

 

A membro de IU puxo de manifesto na conversa que “toca que as xentes plurais de En Marea esteamos á altura das circunstancias”.

 

“É unha tristeza, dígoo como o sinto, é a miña cidade, aquí si que son clarísima”, engadía sobre a situación do partido. “Paréceme un erro o que se está a facer, hai que construír, hai que tecer, hai que sumar”, apuntou. Yolanda Díaz considera un erro que “desde a Coordinadora de En Marea se esta a impulsar a creación doutra marea na cidade. Eu estarei con Jorge Suárez, apoiando ese proceso de cambio”.

 

Quen fora coordinadora nacional de EU considera que Villares é o responsábel da creación de mareas alternativas ás “oficiais” nas cidades, como é o caso de Ferrol, e advirte que non se deben dividir as forzas a un ano das eleccións municipais.

 

Preguntada polo liderado de En Marea, descartouse para encabezar o proxecto. Di estar dedicada ao seu traballo no Congreso e asegura que en ningún momento se formula asumir a portavocía do partido, “non, nin de brincadeira, eu teño que facer o traballo que veño cometendo, un traballo que é moi fermoso…”.



x