Yolanda Díaz non desbota encabezar a candidatura da confluencia nas eleccións galegas de 2020

Yolanda Díaz non desbota encabezar a candidatura da confluencia nas eleccións galegas de 2020

“En política non me atrevo a fechar nin abrir ningunha porta”, afirma nunha entrevista na Cadena Ser-Galiza. A deputada no Congreso defende que nas eleccións do 28A as votantes situaron Galicia en Común como o espazo referente da Marea orixinaria: “Os votantes colocaron En Marea con 0,8% dos votos”.


Yolanda Díaz non desbota ser candidata á Xunta en 2020 por unha candidatura dun espazo de confluencia, se ben aclarou que “agora estou centrada en Madrid”. A deputada de Galicia en Común no Congreso dixo, nunha entrevista na Cadena Ser Galicia, que “en política nunca podes debullar o futuro”, polo que non se atrevía, dixo “a fechar nin abrir ningunha porta”. Díaz, nesta liña, manifestou que hai uns anos “tampouco me vía en Madrid e alí estou” , en referencia ao seu papel de deputada no Congreso.

Preguntada sobre se Martiño Noriega sería un bo candidato para esa candidatura, respondeu indicando que “o importante é o programa e colocar os mellores e as mellores na grella de saída”.

Do que ela non ten dúbida é de que o espazo de Galicia en Común é o referente no noso país do 'espazo do cambio', que xa non ve representado en En Marea. Yolanda Díaz indicou que nas eleccións xerais do 28A e malia o 'peso' da marca En Marea coa que concorrían os villaristas, “a xente soubo discernir a quen quería votar e colocou En Marea con 0,8% dos votos”. Recoñeceu que nestes anos organizativamente “non se fixeron ben as cousas” e iso hai que explicarllo á cidadanía. Sobre todo en vista de que en 2020 hai unhas eleccións “que son unha oportunidade de derrotar Feixoo e de sumar forzas para mudar as políticas e mellorar a vida da xente”.

Investidura

Sobre as negociacións co PSOE para investir Pedro Sánchez, Díaz discrepou da fórmula que defende a súa organización, Izquierda Unida, de apoiar a investidura sen entrar no goberno, un modelo 'á portuguesa'. Esa fórmula, dixo, “paréceme terribelmente errónea” pois situaría un Sánchez “susanizado” nun goberno en solitario e pactando coa dereita a axenda económica: “O PSOE non quer derrogar a reforma laboral, non quer meter man nas eléctricas...”, aseverou, indicando que é necesaria a presenza de Unidos Podemos nun goberno para poder ir por ese camiño.

Moi crítica co candidato socialista, Díaz acusouno de “estar tres meses paralizado, sen mover ficha” e facendo chiscadelas "á dereita” ao tempo que vetaba Pablo Iglesias. “Ese veto é un erro que se vai estudar nas facultades”, aseverou.

Porén, confía en que haxa un acordo que permita non repetir eleccións e formar un goberno de coalición entre PSOE e UP pois iso é, considera, o mandato das eleccións do 28A.