A FONDO

Argumentos e razóns a prol do boicote académico a Israel na universidade


Argumentos e razóns a prol do boicote académico a Israel na universidade

Que é o boicote académico e cal é a súa xustificación e utilidade no marco da campaña BDS contra o Estado sionista de Israel. Esa é materia que aborda esta semana o caderno A Fondo. Xa á venda na nosa loxa.

bdsA campaña BDS é unha iniciativa internacional que aposta por facer uso de medidas como o boicote, o desinvestimento e as sancións para golpear o Estado sionista de Israel. Emulan as mesmas fórmulas xa promovidas no seu momento contra o réxime do apartheid surafricano. Da man da doutoranda na USC e activista da BDS-Galiza, Paula Fernández Franco, que exerce de coordenadora do novo número do A Fondo, reparamos nun dos ámbitos concretos e probabelmente máis descoñecidos desa campaña: o boicote académico.

O caderno pon luz no relacionamento da Universidade de Santiago de Compostela con até cinco institucións académicas israelís, cunha forte ligazón co sionismo. Unhas “relacións perigosas”, segundo Fernández Franco ás que a USC debe poñer fin, tal e como reclaman desde o pasado 2013. A activista desvela que papel xogan as universidades israelís e cal é a súa estreita cooperación co réxime sionista.

Da universidade fala tamén o profesor Moncho Iglesias. Mais da universidade en Palestina, e como a súa actividade está afectada moi directamente pola ocupación israelí. “Nas aulas a presenza da ocupación non só é física, tamén é mental” apunta Iglesias, quen relata a partir da súa experiencia particular como o sionismo pon atrancos á vida universitaria do pobo palestino. 

O A Fondo recolle unha entrevista exclusiva de Omar Barghouti, activista palestino dos dereitos humanos e cofundador do movemento BDS. Barghouti debulla cales son as razóns e obxectivos da campaña BDS a nivel internacional. O activista explica de maneira razoada os argumentos polos que se pode considerar “apartheid” o réxime imposto polo sionismo. Defende a necesidade de desenvolver o boicote tamén no eido académico, ao xulgar que as universidades e institucións académicas de Israel “son un dos principais alicerce do réxime”. Faino desmitificando algúns falsos argumentos, que en nome da liberdade académica tentan frear os seus reclamos.

O doutor Abdalrahim Almahallawi, de orixe palestina, narra a súa experiencia persoal como estudante erasmus na Galiza e as razóns que o forzaron a marchar do seu país para continuar a súa formación. Pola súa banda, a activista Ana de Palma do portugués Grupo de Acção Palestina descrebe como se desenvolve boicote académico no país veciño. De Palma bota por terra algúns tópicos empregados para descualificar a BDS. “Não somos contra o Estado de Israel, mas a realidade é a que temos aqui e agora e sabemos das repressões, das mortes, do muro, das lutas, das explorações e espoliações” explica.

A conclusión chega da man do xornalista Ben White, cun extracto dun artigo seu no que enfronta a falsa contradición entre “diálogo versus boicote”.