ESTA QUINTA FEIRA, NOVO SUPLEMENTO DE SERMOS GALIZA

“Comprendermos”, pensamento para o debate e a acción

“Comprendermos”, pensamento para o debate e a acción
Manifestación do SOG en 1977
Manifestación do SOG en 1977  

Esta semana Sermos Galiza estrea un novo suplemento en parcería coa Fundación Moncho Reboiras coincidindo co 40 aniversario do SOG. A quinta feira 30 de abril, o Sermos sairá á rúa con 48 páxinas.


Canda o número 143 do semanario Sermos Galiza distribuirase esta semana o primeiro exemplar de Comprendermos, un caderno elaborado pola Fundación Moncho Reboiras.

“Pulamos por erguer a vista para gañarmos en perspectiva”, sinala o editorial do primeiro Comprendermos. “Apostamos por profundar para alén da superficie para comprendermos mellor a realidade, sabendo que o presente ten un vértice no noso pasado histórico”, acrecentan. O caderno quere servir de espazo para unha reflexión máis demorada, onde prevaleza “a explicación e os argumentos face os enunciados simplistas”. 

A publicación está concibida como “un desafío ao pensamento único desde nós propias"

A partir desas premisas o suplemento fornecerá algunhas chaves teóricas, mais salientan que coa finalidade de “as incorporar na práctica militante e activista”. A publicación, concibida como “un desafío ao pensamento único desde nós propias", está coordinada polo director da fundación, Manuel Mera.

40 anos do SOG

Este 1 de maio cumpriranse catro décadas da constitución do Sindicato Obreiro Galego. Un dos principais antecedentes históricos do sindicalismo nacionalista e de clase que hoxe fica maiormente organizado na CIG. A esta conmemoración dedícanselle as páxinas centrais do suplemento, cun repaso sobre a historia, o contexto e o desenvolvemento do SOG. A vixencia dos principios sobre os que naceu é reivindicada nun artigo de análise asinado polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Nunha entrevista en profundidade co economista Bernardo Valdês debúllase de que maneira ten afectado a crise e as políticas de recorte ás condicións de vida da clase traballadora galega, poñendo de relevo quer o aumento da explotación de clase quer os desequilibrios territoriais.

Completan o suplemento unha análise do papel que o euro está a xogar na crise e máis unha explicación do que significa o internacionalismo proletario e a súa vixencia hoxe.