MONCHO DO ORZÁN, COORDINADOR DO A FONDO DESTA SEMANA

“Os Coros Galegos combinan todas as artes de noso”

“Os Coros Galegos combinan todas as artes de noso”
Moncho do Orzán [Foto: Cántigas da Terra]
Moncho do Orzán [Foto: Cántigas da Terra]  

As orixes, presente e futuro dos coros galegos ocupan o A Fondo que esta quinta feira sairá do prelo canda o semanario Sermos Galiza. O seu coordinador explica a  importancia que estas agrupacións tiveron e teñen para a cultura galega.


Malia só chegaren até os nosos días catro das ducias de coros galegos que existiron no noso país, o seu é un modelo cultural de futuro. Así o entende Moncho do Orzán, coordinador do A Fondo que esta semana repara nesta vizosa expresión do patrimonio musical de Galiza. Moncho é músico e ademais o arquiveiro de Cántigas da Terra, agrupación coruñesa que o vindeiro ano cumprirá o seu centenario. Escoitalo falar dos coros é abondo para visar a paixón que nel producen. Unha paixón na que latexa o compromiso coa nosa cultura.

Os coros entrelazan o culto e o popular

Os coros galegos son unha expresión propia dun fenómeno que se produce en todos os pobos: o interese do culto sobre o popular. “Un grupo de intelectuais deciden vestir o traxe do país, rachando co estigma de ser mofa no antroido, e reivindican as muiñeiras, alalás e foliadas das ribeiras do Lérez nos salóns da nobreza e mesmo diante da coroa española”, así describe Moncho o xermolar dunha nova concepción cultural e artística que dará lugar a Aires da Terra a fins do século XIX. 

Un novo xeito de entender a cultura, que foxe da disociación entre culto e popular, entrelazando ambas as dúas facianas. Dese afán nacerán os coros galegos, que se valen dun inxente traballo de recuperación e compilación de pezas populares, que o coordinador do A Fondo --como bo arquiveiro-- salienta e reivindica, facendo referencia expresa á Sociedade Arqueólóxica de Pontevedra –con Casto Sampedro-- e a musicólogos como Pedrell, Tafall ou Inzenga. Lembra tamén Marcial del Adalid “quen interpretaba a piano melodías traídas ou inspiradas no imaxinario popular”. “Velaquí unha primeira conexión entre culto e popular” enfatiza.

A maioría as agrupacións ficarán dunha ou doutra forma vencelladas ás Irmandades da Fala

Non se pode comprender o alcance do compromiso coa cultura e lingua galegas dos coros sen repararmos, como Moncho lembra, en que na súa maioría as agrupacións ficarán dunha ou doutra forma vencelladas ás Irmandades da Fala. A súa contribución fainos merecedores obxectivamente dun recoñecemento que en parte inda non receberon. “Os coros interpretan o patrimonio musical autóctono, cantan aos nosos poetas e encenan pezas dos nosos dramaturgos con escenografías pintadas para a ocasión”, explica o de Orzán. 

De aí a oportunidade e a necesidade deste A Fondo, co que o seu coordinador non disimula a intención de “amosar unha miga do seu pasado, presente e futuro nas voces das principais agrupacións e dando a coñecer un dos coros de recente creación, e con máis proxección nos últimos anos: Cantares do Brión”. Así, nas páxinas do caderno toman a palabra desde a súa particular experiencia, os coros de Cántigas da Terra, Ruada e Toxos e Froles, amais do citado Cantares de Brión. Experiencias centenarias, ou case, canda a enerxía dun proxecto novo. Pois como se recolle nas páxinas do caderno un dos seus principais valores é a diversidade na semellanza.