Cos pés ben asentes no chan


Cos pés ben asentes no chan

Moi guerreira se mostra esta capa do Sermos 154. Gandeiros en pé de guerra. Milicias galegas en guerra contra o fascismo. Guerra (ou acordo de paz?) contra as agresións ao noso idioma. A verdade é que Sermos está a dar moita guerra.

Cando vin a capa do Sermos 154 pensei,  que ben!! aquí si que podemos falar de expresións e frases feitas: en pé de, a pé de .... Dá para un tratado de gramática, un curso para estranxeiros. Fun ao dicionario e comprobei que había máis de dúas ducias de expresións. Unha tese de doutoramento. Son moitas. Abro o periódico e topo con outra expresión: chove sobre mollado.

Definitivamente abandono a parte gramatical ou de comentario lingüístico.

Centrémonos. Ben pensado, este número de Sermos Galiza parece adredemente feito para lembrarmos o autor de Da Terra asoballada, o libro publicado en 1917 en Vilagarcía. Por que? Porque da terra asoballada é do que fala a capa do Sermos Galiza. Non de outra cousa.

Da terra que se levanta “contra as lexións de ferro da avasallante Roma” como din os versos do poema Milicianos, de Cabanillas, mencionado na páxina vinte e dúas do semanario. 

Da terra asoballada 1

Da terra que se pon en pé contra as agresións ao noso idioma e xura, perante a sombra de Rosalía, que é máis o momento dos feitos, menos o das palabras. 

Da terra que reclama o dereito a vivir dignamente do que produce, que reclama prezos xustos para o leite que nos amamenta. 

Da terra que se mantén de pé en medio de tanta mudanza.

Da terra que sabe que “a liberdade nunca perdeu ningunha loita! Por moita lei mordaza (que se analiza na páxina 5) que nos impoñan

Da terra que sabe de Lois Porteiro, membro activo do movemento agrario e das Irmandades, a quen Cabanillas dedica o poema En Pé!

Escravitude. Liberdade. Loita. As tres ideas dese fermoso texto. 

E desas tres ideas nace o chamamento á unión, á auto-organización. Todas, todos, en pé e sobre nós a mesma bandeira. Todas, todos ao pé da “enseña da nación galega” para catarmos o dereito á liberdade, á soberanía. Para sermos nós.

¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

En pé, de pé, a pé, a pé enxoito ou a pé firme. Ao pé da letra ou co pé no estribo. Aos pés da cama. En pé de guerra. 

Como sexa. Mais cos pés ben asentes no chan.