O COLECTIVO ORA GALEGA COORDENA O A FONDO DESTA SEMANA

"Fomos o primeiro reino de Occidente mais descoñecemos a nosa historia"

"Fomos o primeiro reino de Occidente mais descoñecemos a nosa historia"
O rei García, por Luís Seoane
O rei García, por Luís Seoane  

Houbo unha época na que Galiza foi reino e Compostela, referente europeo. Nela viviu o rei García, tan descoñecido como nós é a nosa historia. Recuperámola a quinta feira 23 de abril no A Fondo.


Foi unha época tan dourada para Galiza como descoñecida, a cabalo entre os séculos XI e XII. O colectivo Ora Galega recupéraa esta semana no A Fondo -o caderno de análise que se entrega conxuntamente co Sermos Galiza, a venda esta quinta feira 23 de abril-, consciente da importancia tanto da historia como da creación de imaxinarios ao redor dela en todo proceso de emancipación nacional.

- Por que é tan descoñecida esa época?

-Polo papel da historiografía española. Xa a historiografía que comeza a desenvolverse un tempo despois da morte do rei García xoga ese papel. Ximénez de Rada e Afonso X, aos 50 e 80 anos da súa morte respectivamente, comezan a reconstruír a figura de García nun sentido negativo.

-Por que é importante recuperar a súa figura?

-Nós pensamos que é importante porque Galiza precisa recuperar a súa historia da mesma maneira que precisa recuperar a súa cultura, as súas tradicións e en definitiva, aquilo que leva aparellado a súa historia, o imaxinario para combater iso que poderiamos chamar o imaxinario español tan presente na nosa sociedade.

-Como xorde a idea de facer un A Fondo sobre o Rei García?

-Como xorden estas ideas. De repente un día a alguén se lle ocorre, debatémolo e a idea vaise ampliando até deixar de centrarse só no Rei García para abordar tamén o período comprendido entre 1050 e 1150, ou se quere precisar un pouco máis, entre 1037 e finais do século XII.

-Poderiamos dicir que ese foi un período dourado para Galiza?

-Claro. E non só pola figura de García e eses seis anos de reino independente. Hai outras figuras claves como Urraca, Xelmírez, o propio Cresconio.... Aséntanse as bases da gran eclosión que vai vir despois, da que son bos exemplos a arte románica e a lírica galaico portuguesa.

-Que temas se van tratar neste A Fondo e quen vai colaborar?

-Esencialmente vanse tratar cuestións ao redor dos séculos XI e XII, con colaboracións de Anselmo López Carreira, Ermelindo Portela, Xosé Miguel Andrade e Camilo Nogueira. Todas elas, nunha medida ou noutra, teñen reflexionado e escrito sobre a Galiza medieval.

-Podemos considerar que Galiza foi reino independente durante os seis anos de don García pero hai outras visións, como a de Camilo Nogueira, que coidan que o reino de Galiza se estende durante séculos. Como é iso?

-Hai dúas perspectivas. Por unha banda, a idea de que Galiza é un reino independente ao longo do tempo en que reina García, eses seis anos. Mais hai quen se formula a seguinte pregunta. Que sentido ten dicir que durante eses seis anos nos que García é rei Galiza é un reino independente e, porén, non nas tres décadas anteriores, nas que é raíña a súa nai? Dende este punto de vista, ponse de relevo que o reino de Galiza comeza co reino suevo e remata formalmente en 1833 e que foi o primeiro reino de occidente, cunha traxectoria que abrangue 1.500 anos. Esas dúas perspectivas poden atoparse nos textos do A Fondo.

-Primeiro reino de Occidente?

"Galiza precisa recuperar a súa historia da mesma maneira que precisa recuperar o imaxinario para combater iso que poderiamos chamar o imaxinario español tan presente na nosa sociedade."

-Si, claro, mais o descoñecemento da nosa historia é inmensa. O reino suevo dura case dous séculos. Verdadeiramente, existe un tránsito do que é a Galiza romana ao reino suevo, e é o primeiro reino independente, sólido, de Occidente.

-Semella que esta é unha etapa con gran potencial para crear un imaxinario ao redor do país...

-Iso é fundamental e o nacionalismo galego esquéceo. Eu non coñezo sinceramente ningún proceso de emancipación nacional que non teña en conta dúas patas: a política e o imaxinario. Hai cousas que van no corazón. Sobre o ser humano actúan a razón e o corazón, e iso é fundamental. Entón, ti tes que traballar por unha parte a racionalidade e por outra parte eses factores poéticos que non sabes explicar moi ben pero son os que chegan. Creo que non hai un proceso emancipador que prescinda da póla poética, imaxinaria, afectiva…

-Neste A Fondo hai, de feito, unha parte máis creativa, na que se inclúe un poema de Ferrín sobre o rei García e a letra elabora por Quintas Canella...

-O poema de Ferrín foi escrito moito anos antes de que comezara a reivindicación da figura de García. O ano que vén temos á porta o centenario das Irmandades da Fala, que teñen unha obra de teatro e unha ópera que é O Mariscal, sobre a figura de Pardo de Cela. Hai que facer converxer o vector da investigación e o da creatividade, a poesía ou a música.

-Este A Fondo está coordenado polo colectivo Ora Galega. Que é Ora Galega?

-Ora Galega ten tres vectores ben claros: a homenaxe e defensa da lingua, a identidade e a cultura do país. Neste momento, contamos cun comité que está a organizar o centenario das Irmandades da Fala, e con outra parte que se está a encargar de actividades como a coordenación deste A Fondo ou a organización dunha carreira popular en Vigo o 31 de maio, en homenaxe á lingua.