ANTÓN OCA, COORDENADOR DESTE A FONDO

"Galiza ten o mellor leite do estado"

"Galiza ten o mellor leite do estado"

Que escenario se abre para o sector lácteo en Galiza trala desaparición das cotas? Procuramos respostas no A Fondo que estamos a cociñar para esta quinta feira.


Antón Oca é axente de Extensión Agraria e un dos máis grandes coñecedores da situación do sector lácteo no país. Nesta entrevista, adianta os contidos do A Fondo que está organizar para o Sermos Galiza desta semana.

-Hai razóns para o optimismo na Galiza post cotas lácteas, malia os baixos prezos do leite neste momento?

-Deixamos de ter esa espada de Damocles que supuña o risco a sobrepasar a cota. Ao desaparecer, temos máis liberdade para planificar e poder expander a nosa produción leiteira. Eu coido que si podemos ser optimistas. É certo que o sector lácteo galego percibe os prezos máis baixos do estado español, mais isto ten que ser conxuntural porque Galiza ten unha vocación recoñecida por todo o mundo e conta coas condicións máis idóneas para producir leite de gran calidade e a baixo custe.

-Como vai estar organizado este A Fondo sobre a situación do sector lácteo en Galiza?

-Terá en conta as tres patas do sector lácteo, a produción, a industria e a distribución.

-A produción é, das tres, a pata máis feble. Como é abordada neste A Fondo?

-Falaremos das condicións nas que ten lugar a produción e da súa evolución dende o estabelecemento das cotas, a partir do ano 1987. Malia á gran concentración de explotacións e á desaparición de moitas delas, en Galiza nunca deixou de medrar a produción ano tras ano.

-A industria perdeu músculo de maneira alarmante nos últimos anos. Como ides analizar a súa situación?

-A industria en Galiza foi máis forte do que é. De feito, actualmente é dunha febleza extraordinaria. Dedícase a producir maioritariamente leite líquido envasado. Temos por desenvolver todos aqueles produtos lácteos que crean máis valor engadido, en especial os queixos.

"Ao desaparecer, temos máis liberdade para planificar e poder expander a nosa produción leiteira."

-Á produción queixeira dedícaselle precisamente un dos artigos deste A Fondo...

-Contamos con catro denominacións de orixe e, ademais, é moi afamado o queixo de barra galego. É necesario desenvolver un sector queixeiro acorde coa produción de leite que temos. En Galiza non destinamos a queixo máis do 12 ou o 13% da produción láctea, namentres que en Francia, o 52% da súa produción ten ese fin. Vai ser unha peza importante para desenvolver o sector leiteiro en Galiza e conseguir mellores prezos para os produtores.

-A distribución é, das tres patas, a máis polémica e tamén a máis poderosa. Como se aborda neste suplemento?

-É a pata dominante no conxunto do sector lácteo. Está tendo a tixola polo mango e, como dicían nos meus tempos novos, o mango tamén. Utilizan o leite como produto reclamo poñéndolle uns prezos moi baixos. Isto vén acompañado dunha falta de política agraria adecuada. Nos anos 2007-2008, o leite galego foi o de mellor prezo do estado. Agora é o produto cos prezos máis baixos, estando o tope nos cinco céntimos que cobra máis por litro un produtor andaluz que un galego.

"A Administración non actúa nin sequera naquilo que pode facer por lei, como o control da venta de leite a perdas pola distribución"

-Nesta situación, A Administración ten responsabilidades claras. Como son analizadas neste A Fondo?

-Non lle pedimos á Administración que faga intervencións ilegais. O que lle pedimos é que faga unha política para o sector lácteo galego acaída ao mesmo, que fomente o diálogo entre as tres patas e impulse proxectos que fagan atractivo o asentamento de industrias e de produtos lácteos, nomeadamente o queixo. O paquete lácteo, que é o único do que falan é presumen, é inservíbel. A Administración non actúa nin sequera naquilo que poden facer por lei, como o control da venta de leite a perdas pola distribución, ou os prezos ridículos da industria láctea. Non intervén con ese diálogo que habería que propiciar, e isto leva a que o sector lácteo galego veña sufrindo unha crise que, de non corrixir a política láctea, pode rematar nun drama.

-E que podería ou debería facer a Administración respecto á distribución?

-Hai datos suficientes que amosan que, por debaixo de determinado prezo, non se pode producir leite. O leite non se pode vender a 46 ou 47 céntimos. Falan agora de que o prezo mínimo debería andar ao redor dos 65 céntimos litros. Ese tipo de cuestións hai que inspeccionalas, facer expedientes legais e deixarse de refuxiar no Tribunal da Competencia. Cómpre tomar en referencia o que pasa en Francia coa distribución. Malia a ser un país excedentario en leite, este non baixa de certo prezo. En España, o conxunto do estado é deficitario. Galiza, producindo o 40% do leite do estado, ten problemas para que llo recollan incluso a prezos irrisorios, por baixo de custe de produción.

"Cómpre tomar en referencia o que pasa en Francia, onde a interprofesional de produtores e industria negocia coa distribución e non lle permite utilizar o leite como reclamo"

-E por que en Francia a situación é distinta?

-Porque hai unha gran interprofesional apoiada polos gobernos franceses. Non é de mentira como a nosa INLAC, que non ten poder. En Francia, a interprofesional de produtores e industria negocia coa distribución e non lle permite utilizar o leite como reclamo. E de maneira encuberta, en Francia non entran leite doutros estados europeos.

-Un dos artigos deste A Fondo fala da calidade do leite. Como é a calidade do leite galego?

-Galiza ten o mellor leite do estado. A calidade do leite mídese tendo en conta o seu poder nutritivo, a partir de tres parámetros: materia grasa, proteica e vitaminas. O leite galego aumentou o contido en proteína, ten un nivel de grasa razonable e sobre todo conta cunha calidade hixiénica excepcional. Temos todo isto avalado por un laboratorio, o LIGAL, que se puxo a funcionar co goberno bipartito e que é dos mellor dotados, por non dicir o mellor, do estado español.

-A persoa entrevistada neste A Fondo será José Luis Antuña, director xeral de Feiraco. Por que?

-Pode falar en nome da cooperativa Feiraco, mais non só, porque xunto con outras cooperativas son tamén donos de Clesa. Eu creo que Feiraco vai ter bastante expansión. Agora entraron tamén no mundo do queixo. Coidamos que Antuña, pola súa experiencia e sabedoría,  pode falar moi ben do única leite de base cooperativa con importancia en Galicia.

-Que persoas colaborarán neste suplemento?

-Sen falar dun mesmo, que tamén escribo para este A Fondo, trátase de persoas que coñecen moi ben o sector leiteiro. Xosé Turnes, que falará da situación da industria, foi o encargado, en Leyma, da loxística de recollida durante máis de 16 anos. No sector queixeiro temos ao Xosé Luis Carrera Valín, presidente da denominación de orixe de maior produción, Arzúa-Ulloa. Ninguén mellor que Marisa Barreal, secretaria técnica do Ligal,  para falar da calidade do leite. A Francisco Sineiro, que foi conselleiro de Agricultura, e é un estudoso do sector lácteo galego desde a catedra de economía da escola de agró[email protected], tocoulle escribir un artigo complexo e con dificultades como é a distribución, de obrigada lectura para comprender que pasa nesta terceira pata do sector lácteo galego.