Milicias galegas, o Partido Galeguista contra o fascismo

Milicias galegas, o Partido Galeguista contra o fascismo

Contra as teses oficiais da historiografía española, as milicias galegas durante a chamada guerra civil (1936-39) non foron criadas polo PCE, senón que foron o produto dunha decisión política do Partido Galeguista de Castelao e Suárez Picallo. A esta conclusión chega Cilia Torna nun traballo de investigación que disponibilizamos no Sermos 154 e do que oferecemos neste dixital un breve avanzo.


Tiramos do aniversario do golpe de estado de 1936 para resgatar a memoria das Milicias galegas como homenaxe ás mulleres e homes que loitaron contra o fascismo mais tamén, co obxectivo de racharmos coa idea de que na Galiza non existíu milicia ou que foi apéndice da creada polas forzas políticas españolas. 

No número 154 do semanario en papel publicamos unha reportaxe a dupla páxina asinada por Cilia Torna na que afondamos na creación das Milicias Galegas, unha decisión adoptada polo Partido Galeguista

Segundo recolleron Castelao e Santiago Álvarez a proposta partía da necesidade dun batallón autónomo como expresión da da existencia dunha Galiza que viña de refrendar o Estatuto embora atoparse baixo o xugo do fascismo. 

Porén, na información publicada desméntese que as milicias fosen expresión armada do Partido Galeguista (isto é delas facían parte tamén militantes doutras organizacións políticas) malia que a súa posta en andamento xurdise da iniciativa de Castelao, Ramón Suárez Picallo, Xoán Xosé Plá, Pedro Penabade e Enrique Peinador. Entre todos artellaron non só a creación da unidade militar senón tamén dun espazo de referencialidade galego en Madrid e dunha rede de apoios que abranguese o espectro social da Galiza democrática. 

As hemerotecas da época recollen mesmo o chamamento lanzado para o reclutamento de persoas voluntarias, tamén mulleres, entre as que se atopaba Esperanza Rodríguez de quen reproducimos a imaxe publicada na revista Estampa en setembro de 1936. 

Podes ler a reportaxe completa no número 154 do semanario en papel, á venda nos quiosques e librarías do país e tamén na nosa loxa