A FONDO

O que queda tras catro anos de Rajoy


O que queda tras catro anos de Rajoy

Repasamos a fondo o que deron de si os catro anos de Mariano Rajoy á fronte do Goberno español, coa incerteza de se haberá continuidade ou cambio após os resultados do 20D. Xa á venda na nosa loxa.

afrajoyCatro anos que, pola súa intensidade, saben a máis. Así describe a lexislatura que concluíu cos comicios do 20 de decembro o coordinador deste novo monográfico A Fondo, Xabier P. Igrexas. No caderno faise un repaso sobre os principais aspectos que marcaron o mandato, debullando en detalle que deixa Rajoy como legado tanto a nivel estatal, como singularmente para o noso país. Promesas incumpridas, paro, rescate, impostos, recortes son os termos que serven para etiquetar en termos xerais o cuadrienio que finalizou. Mais hai un termo omnipresente: conflito. Conflito arredor da privatización e expatriación das caixas galegas, conflito polos novos atrancos á pesca, conflito do leite, do naval, das estafadas polas preferentes e das vítimas do sinistro de Angrois. Con estes elementos Xabier P. Igrexas compón unha retrospectiva de conxunto.

A seguir dese primeiro espello retrovisor, o A Fondo pousa a ollada con maior detalle e concreción en varios asuntos e conflitos que definiron en grande medida a era Rajoy. A activista e licenciada en dereito Carla Leiras, denuncia o retroceso en liberdades e dereitos civís, falando dunha “dobre mordaza”, a da chamada Lei de seguridade cidadá e a reforma regresiva do código penal. 

Da constante agresión do executivo cesante cara ás clases populares e de maneira moi significativa cara a clase traballadora, dá conta Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, denunciando que con Rajoy na Moncloa “fortaleceuse a explotación”. “As condicións laborais deterioraronse moito en todos os aspectos. Non tanto pola crose, como pola aposta do PP a favor da centralización da riqueza e do poder” explica. 

Os servizos públicos foron o alvo principal dos recortes impostos pola maioría absoluta do Partido Popular. Alexandre Louzao, integrante da organización estudantil Comités, achega datos e argumentos para soster que estes catro anos foron “nefastos para o ensino público”. “En catro anos o goberno do  PP sentou as bases para desfacer o conseguido até agora en materia de educación”, lamenta.

A secretaria confederal de Muller da CIG, Margarida Corral, fai repaso das numerosas agresións contra as mulleres e no retroceso nas políticas de igualdade. Corral sintetízao nun binomio: “Goberno do PP: retroceso nos dereitos e liberdades das mulleres”. “O Goberno do PP pasará á historia polo seu ataque contra os dereitos das mulleres, polos recortes, a precariedade e o retroceso nos dereitos e liberdades”.

O caderno conclúe con 10 imaxes que pretenden resumir o que deu de si a lexislatura. Nelas aparece Juncker, Juan Carlos I, Bárcenas, Gallardón, Ana Mato, Artur Mas, o plasma da Rajoy, Pedro Sánchez, Rodigo Rato e Merkel.  Un corolario gráfico que confirma a intensidade deste período.