A FONDO

Sáhara, 40 anos de invasión e espolio


Sáhara, 40 anos de invasión e espolio

O A Fondo desta semana está dedicado ao conflito saharauí logo de se cumprir catro décadas da Marcha Verde coa que Marrocos forzaría a anexión colonial do Sáhara. Xa á venda na nosa loxa.

af2

Case coincidindo coa detención do activista saharauí Hassana Aalia, saía do prelo un novo A Fondo dedicado precisamente aos 40 anos decorridos desde a chamada Marcha Verde coa que Marrocos forzaría a anexión do Sáhara Occidental

No caderno, coordenado por Moncho G. Boán, responsábel do departamento Internacional da CIG, debullamos as orixes históricas e as causas dun conflito que, infelizmente, fica inda sen resolución, por mor do reiterado incumprimento das resolucións de organismos internacionais como a ONU. 

40 anos ininterrompidos de saqueo e de explotación, que non lograron someter ao povo saharauí, firme no seu reclamo de independencia. Así o reafirma Cheikh Lehbib Mohamed, membro do Secretariado da Fronte Polisario e Secretario xeral do sindicato UGTSario, nunha demorada conversa na que dá resposta ás principais cuestións que envolven a causa saharauí e no que achega algunhas chaves arredor do futuro do seu proceso de emancipación nacional.

“España vendeu no mercado o pobo saharauí” afirma Cheikh Lehbib Mohamed

Na entrevista pon de manifesto o alcance político do conflito e tamén como no mantemento da opresión xogan tamén múltiples complicidades con Marrocos. Demoledora é a súa crítica ao papel do Estado español, anterior metrópole colonial e arestora inda “potencia administradora”: “España vendeu no mercado o pobo saharauí” exclama.

O catedrático de dereito constitucional da USC, Carlos Ruiz Miguel, fai un repaso histórico nas causas da invasión marroquí e achega elementos para configurar algunhas perspectivas de futuro. Pola súa banda o profesor de historia medieval da USC, Santiago Jiménez, explica de maneira sintética os principais aspectos do conflito saharauí relacionándoos con conceptos-chave como ocupación, intifada ou autodeterminación.

O Sáhara non padece só a dominación política, militar e territorial de Marrocos. É tamén un territorio espoliado. Unha colonia, sen matices. Fito Álvarez analiza de maneira demorada en que consiste ese saqueo colonial, poñendo de relevo as enormes riquezas naturais do Sáhara Occidental: minas de fosfato, reservas de petróleo, gas natural, ferro, cobre, uranio e un vizoso banco pesqueiro. Recursos que, porén, non son aproveitados polo seu lexítimo propietario, o povo saharauí, senón que son utilizados para financiar o réxime alauita. 

A resistencia saharauí ten moito de heroicidade poética. É por iso que a poeta galega Marta Dacosta recolle unha breve escolma de versos saharauís, na que é palpábel como o conflito atravesa as vidas de quen o padecen até a esfera máis íntima.