#sermos181: Ence, o pesadelo quer perpetuarse


#sermos181: Ence, o pesadelo quer perpetuarse

Estreamos deseño neste semanario, o 181. Un número no que debullamos a prórroga a ENCE, a XV asemblea nacional do BNG, falamos do entroido, conversamos con María do Cebreiro e Abe Rábade. Xa á venda na nosa loxa. 

Sermos Galiza nº181. Novo deseño, nova pel para un semanario que mantén a aposta e o compromiso no xornalismo galego. Estreamos deseño nun número que sae do forno ben completo de contidos. O Tema de primeira é Ence, que tratamos na reportaxe 'O derradeiro favor do PP a Ence'. Completámola con entrevistas ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, e e ao presidente da Federación de Asociación de Veciños 'Castelao', Juan Loureiro. Antón Masa, presidente da APDR, escrrbe unha columna de opinión.

capa

En 'Integrar asimilando' analizamos a integración como reto político. A crise de persoas refuxiadas está a marcar a axenda política internacional e, no concreto, a europea. O avanzo do discuso xenófobo e da extrema dereita sitúan a integración social no cerne do debate político, mesmo na Galiza, após seren adoptadas polémicas medidas como a confiscación de bens en Dinamarca.

'Entroidar no sur de Lugo'. O Oso de Salcedo, os Mecos, Máscaras e Peliqueiros de Chantada. O Sur de Lugo mantén vivas moitas tradicións e ritos vencellados á festividade do Entroido. Algunhas delas foron resgatadas da memoria popular após ficaren prohibidas polo fascismo. Outras, tentan sobrevivir á perda de poboación das parroquias nas que se desenvolveron durante séculos.

Falamos dalgunhas das tradicións que atopamos en Entroido na Ribeira Sacra

En 'Un semanario remozado para un ollar máis fondo' falamos do novo deseño e información selectiva que caracterizan esta etapa do SG. Sermos Galiza volta aos quiosques con nova faciana, un deseño innovador e actual obra de Pepe Barro, un dos grafistas máis recoñecidos do país. Amais das mudanzas físicas, o semanario incorporará contidos de máis análise, profundidade e investigación. "Sermos ten espazo e posibilidades de se consolidar como un medio referencial", confésanos Xoán Costa, presidente do Consello de Administración, nunha entrevista.

"Creo nun debate sen tabús para a refundación”

Entrevistamos Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), unha das voces ás que se presta máis atención dentro do Bloque Nacionalista Galego. Non só por ser o portavoz do grupo parlamentar, senón pola súa capacidade para o diálogo dentro da casa. Licenciado en Xeografía e Historia ten o percurso histórico do nacionalismo galego na cabeza, mais prefire pór as luces largas e ollar para o futuro. Ten ideas e propostas para o BNG saír da crítica situación na que se acha. “Son tempos de ter a cabeza fría e analizar a fondo que cambios houbo na sociedade”.

Afondamos nas cuestións que marcarán a axenda muncial para 2016

En 'Axenda mundial para 2016' repasamos os principais asuntos e problemáticas que determinarán a axenda internacional este ano. Das eleccións en EUA até o TTIP, pasando polos refuxiados. 'Novos Estados no mundo: independência para algo mais' é un artigo de análise no que se debullan as causas que estimulan os procesos independentistas en andamento no mundo.

E detémonos en Bernardino Rivadabia, un galego que foi o primeiro presidente de Arxentina. Alcumado como Doctor Chocolate polos seus adversario políticos. Motivo? Posíbel ascendencia africana. Non existe documentación que acredite tal hipótese. O que é seguro: a súa orixe galega.

Galiza no seu sae-se-podes

Cunha taxa de actividade do 53% (apenas da metade dos galegos de 16 e máis anos é poboación activa), Galiza áchase fronte a un desafío para nada menor: ser viábel. Factores como o avellentamento ou a emigración estrutural, entre outros, deixan pegada nunha taxa de participación das máis baixas da súa contorna europea. Corremos, pois, o risco de sermos un país insostíbel, embora o potencial produtivo que temos. Tratamos esta cuestión en 'Un país baixo ameaza de ermo laboral'.

Maria do Cebreiro e Abe Rábade falan da segunda xeración da cultura galega

Conversamos con María do Cebreiro e Abe Rábade. Son xa segunda xeración de ‘persoeiros’ da cultura galega. Fillos dos escritores Helena Villar e Xesús Rábade, criáronse xuntos e confesan que “temos case telepatía. Houbo quen nos chamou monstro bicéfalo” (e escachan a rir). Pronuncian palabras ao unísono, un completa as frases do outro e comparten a ilusión polos cambios sociais que estamos a vivir.

Fóra de serie

Da man do colectivo Xea percorremos A Eira de Padrendo, conxunto de 17 canastros ao pé da serra de Santa Eufemia. Unha pequena xoia a atopar en Ourense.

E na nova sección 'Fóra de serie', temosm axenda, consellos, gastronomía, viños, libros, cinema... Un espazo dinámico e aberto. E nesta volta acompáñanos o deseñador Pepe Barro falándonos da importancia da letra R do ismo vangardista primeiro.

E aínda hai máis, Xan G. Muras proponnos un calendario para o mes de febreiro, Preguntamos a 'pistola-no-peito' a Samuel L. Paris (poeta que toca o baixo ou baixista que escrebe poemas) nunha mini-entrevista con 'selfie', falamos do danés que mirou dentro de nós...