Un mozo que transitaba por unha rúa de Pontevedra levando unha camisola coa bandeira galega coa estrela vermella foi obxecto dunha agresión na noite da pasada quinta feira, segundo denuncia Galiza Nova, organización da que este rapaz, Pablo B., fai parte, e que cualifica os feitos como un ataque "fascista".
Segundo o relato de Galiza Nova, un grupo de rapaces de "entre 20 e 25 anos" achegáronse a Pablo B. ao ver a súa camisola, rodeándoo e propinándolle patadas mentres lle berraban: "Esto es España". Nese momento, indica GN, outro grupo de rapaces e rapazas pasaba pola zona e permitiu que Pablo puidese zafar dos agresores e evitar así que a agresión física fose a máis.
Galiza Nova denuncia os feitos e critica "a impunidade coa que actúan estes grupos, avivados polos medios de comunicación, co seu discurso antiindependentista e propagador do odio ao diferente".
Ataques fascistas en Pontevedra, Morrazo, Tui, Compostela...
Non é a primeira vez que na cidade pontevedresa se suceden diferentes tipos de agresións e ataques por parte da extrema dereita. En 2013 uns descoñecidos atacaran o local social A Revira, enchéndoo de pintadas como "Fuera separatistas" ou "Galicia es España". Nesta liña, e 2017 luxaron con mensaxes a favor da unidade de España un mural adicado a Rosalía de Castro.
O monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Marín. En outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas.
Mais este tipo de actos non son exclusivos da zona de Pontevedra. A finais do ano pasado un veciño de Santiago de Compostela encontrou escrito nun lateral do seu coche “Viva España” e o parabrisas traseiro roto en anacos, do que conservaron un fragmento que levaba un autocolante coa bandeira da Galiza.
A plataforma de persoas afectadas polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes (Grixoa) lanzou nas últimas horas unha campaña na que chama as veciñas e veciños, e a cidadanía en xeral, a presentar alegacións ao proxecto dunha nova planta de valorización de residuos de construción e demolición na zona.
Esta quinta feira o profesorado galego baleira as aulas nunha folga xeral en todo o sector público educativo para reivindicar a recuperación das horas lectivas que perderon nos últimos anos cos recortes.
A unión sindical do sector do ensino galego paraliza as aulas este 12 de decembro e pon en evidencia a falta de diálogo de Carmen Pomar, conselleira de Educación. O profesorado reivindica recuperar as horas lectivas perdidas e defende os sacrificios que fixo todos estes anos. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.