Desde o pasado 12 de xullo os días doce de cada mes o colectivo Enfermeiras eventuais en loita concéntrase diante dos centros sanitarios para denunciar a súa situación de precariedade e visibilizar as súas reivindicacións. #12meses12loitas é o nome que lle dan a esta iniciativa. “Reunirémonos diante dos diferentes hospitais galegos e centros de saúde con camisolas negras ou ben coa roupa de traballo e un lazo negro”, explicaban ao dar a coñecer esta iniciativa
O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, publicou recentemente o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento no cal arremeten contra a falta de garantías e a precariedade laboral á que se ven sometidas.
No texto, faise alusión ás trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade, tal como aseguran, sofren dez mil enfermeiras.
Desde o colectivo consideran que a actuación da administración non é a máis adecuada. Alegan que esta ten “escravizadas e sen dereitos” miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estábeis e ás que poden recorrer “a calquera hora do día”, dado que “se non, non comen”.
“Por aforrar cartos contrátannos de segundas a sextas no mesmo servizo, dannos de baixa a fin de semana, que a temos que traballar noutro sitio, e a segunda feira seguinte volvemos cun contrato novo a ese servizo”, denunciaba Tania, unha das voceiras deste colectivo, nunha entrevista en Sermos Galiza.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de anular un dos apartados das bases do procedemento de acceso ao corpo de cátedra de música e artes escénicas nas especialidades vinculadas ao ensino superior de música, que se imparten nos Conservatorios superiores, promovido pola Xunta en marzo de 2018.
A plataforma de persoas afectadas polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes (Grixoa) lanzou nas últimas horas unha campaña na que chama as veciñas e veciños, e a cidadanía en xeral, a presentar alegacións ao proxecto dunha nova planta de valorización de residuos de construción e demolición na zona.
Esta quinta feira o profesorado galego baleira as aulas nunha folga xeral en todo o sector público educativo para reivindicar a recuperación das horas lectivas que perderon nos últimos anos cos recortes.