O presidente da Xunta non ve os informativos da televisión pública galega, TVG, canle que o pasado mes de agosto rexistrou unha audiencia de 10,8%. O propio Núñez Feixoo recoñeceu isto apenas 24 horas despois de que centos de persoas percorresen Compostela “pola dignidade” dos medios públicos convocados polos comités de CRVG e RTVE. Fíxoo nunha entrevista na Cadea Ser
Preguntado se ve a programación e os informativos da TVG, foi contundente: "Non, non porque non me gusten, senón porque as miñas obrigacións non me permiten estar diante dunha pantalla cada vez que hai un informativo, sabe a xente que me coñece que nin quito nin poño presentadores de Telexornais".
O presidente defendeu o modelo da CRTVg fronte ao que, sostén, hai agora na TVE: "o exemplo de PSOE e Podemos facendo o que están a facer, modificar e cesar por real decreto lei a todo un consello de administración". "Se ese é o modelo do PSOE e as Mareas de Podemos, quedo co modelo da radio e televisión galega".
A cadea máis vista en Galiza (agosto) foi tele5, con 12,5% de audiencia, seguida de A3, con 11%, segundo o estudo de Barlovento Comunicación.