Lugo non terá finalmenente 'ordenanza mordaza', a polémica Ordenanza de Seguridade e Convivencia, que o Goberno local (socialista) quería aprobar co apoio do PP e Ciudadanos; e que xerou o rexeitamento frontal de diferenets sectores da veciñanza lucense.
A propia alcaldesa, Lara Méndez, anunciou a retirada da ordenanza e xustificou a decisión na ausencia de consenso para a súa aprobación, unha vez que EU e BNG mostráranse totalmente contrarios á mesma.A rexedora dixo que o documento era só un borrador de traballo e indicou que "non se pode retirar o que non está aprobado".
En xullo do 2017 a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anuncia a recuperación dun proxecto do PSdeG local: unha Ordenanza de Seguridade Cidadá para o municipio. En maio de 2018 naceu a plataforma 'Lugo Sen Mordazas' co obxectivo de paralizar a entrada en vigor de dita ordenanza po entender que discrimina e criminaliza os colectivos da cidade con maior risco de exclusión.
A finais do mes de setembro centos de persoas tomaron parte en Lugo nunha manifestación convocada por 'Lugo sen mordazas'. O borrador tipificaba unha serie de condutas, que ligaba coa súa correspondente sanción. As leves, con até 750 euros, as graves con até 1.500, e as moi graves con até 3.000 euros. Tocar na rúa, pedir esmola, sacar cadeiras á rúa, durmir nun banco ou “alterar a pacífica convivencia con escándalos, rifas, tumultos, ou proferindo palabras groseiras” suporían unha sanción de 750 euros. As faltas castigadas con até 1.500 euros inclúen pegar carteis, recoller sinaturas ou colocar mesas de información nas rúas sen a expresa autorización do Concello, manter relacións sexuais nun vehículo, ofrecer relacións sexuais na vía pública, vender produtos na rúa ou actuar como “gorrilla”. Entre as graves atópanse o acoso entre menores, negarse a ser cacheada ou cacheado pola policía ou exercer a prostitución nunha vivenda.