-Feixóo afirmou nunha entrevista recente que el non vía os telexornais da TVG.
-Paréceme lamentábel. Falamos dunha empresa pública, que ten que facer un servizo público e ten unha misión de servizo público. Esta empresa non é nin dos traballadores, nin dos comités de empresa, nin do actual Goberno do PP, é de todos os cidadáns galegos. É inaudito que o presidente diga que non ve a TVG, a televisión de todos os galegos. Como presidente, ten a obriga de coidar esa televisión.
-Por que se precisan medios de comunicación públicos?
-Son fundamentais nunha democracia. Eu respecto que haxa medios privados e produtoras privadas. Pero as empresas públicas teñen que cumprir un servizo. Non me vale que haxa unha lei, a lei xeral estatal do audiovisual do ano 2010, que nalgúns casos non se cumpre. E despois estou falando da lei 9/2011 de medios de comunicación públicos de Galiza. Aprobouse hai case sete anos e moitos artigos desa lei non se cumpren. É incríbel.
-A que se debe que non se cumpra a lei promovida polo propio PP?
-A lei está para que se cumpra. Por que non se desenvolve o consello de informativos segundo o famoso artigo 36? Ao mellor tampouco é a panacea, porque a propia televisión española ten un consello de informativos e sofre graves problemas de manipulación. Pero é un órgano de control importante. Se cadra aínda máis importante que o consello é a autoridade audiovisual: unha persoa independente dos partidos políticos e dos prestadores privados de servizos. Nós só pedimos que se cumpra a lei no seu artigo 49. Se exitise esa autoridade ao mellor era máis complicado o control do Goberno sobre os informativos.
-O que chama a atención é que falten á súa propia lei.
-Para moitos apartados da propia lei, e falo do consello de administración ou do propio director xeral, fan falta dous terzos de votos no Parlamento. Agora mesmo está paralizado. Nun intre aínda chegaban a acordos entre o PSOE e o PP, pero agora mesmo non. Tampouco pode ser que metas pola porta de atrás, blindes, o director xeral coa lei de acompañamento dos orzamentos de 2016. Se a lei di que fan falta dous terzos para chegar a un acordo, pois tes que cumprir. Pero non é só isto. O artigo 34 di que hai que potenciar a produción propia. Non se está facendo. No canto de aumentar redúcese. Eu son o primeiro en defender que a TVG sexa o motor do audiovisual galego, que as produtoras teñen que traballar e cumpren un servizo. O que non pode ser é que cada vez se fagan menos programas de produción propia. Os datos están aí e vense perfectamente nas grellas de programación destes anos. Ademais hai unha asfixia económica da corporación. No ano 2008, o orzamento era de 142 millóns de euros e en dez anos hai 35 millóns menos. Temos o cadro de persoal máis pequeno das televisións autonómicas históricas. Chegamos aos 1.200 traballadores e agora mesmo son 950.
-Mencionou o consello de informativos, a autoridade audiovisual ou a necesidade de potenciar a produción propia. Que outros elementos da lei son, ao seu ver, importantes?
-Potenciar os grupos minoritarios. Hai que coidar a infancia e a xuventude. Que programas hai para a mocidade? Hai anos todo o mundo coñecía o Xabarín. Que programas hai culturais? Os informativos, pero xa di a lei que os informativos teñen que se ocupar da cultura. E que os informativos non se poden ceder a terceiros. De feito, temos interposta unha denuncia porque entendemos que o directo de informativos debe facelo a casa.
[A versión íntegra desta entrevista, da que aquí che oferecemos un extracto, tela ao teu dispor no Sermos313, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais].